Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rescatan dun sumidoiro o corpo sen vida dun home en Rábade

Rescatan dun sumidoiro o corpo sen vida dun home en Rábade

O cadáver foi localizado no marco dun dispositivo de busca dun veciño desaparecido hai uns días

Apareceu a dous metros de profundidade no polígono industrial da localidade en avanzado estado de descomposición

Nave do polígono industrial de Rábade onde se atopou o cadáver Nave do polígono industrial de Rábade onde se atopou o cadáver
G24.gal 10/01/2024 10:26 Última actualización 10/01/2024 11:45

Os Bombeiros do Eume xunto a membros do GES de Friol ocupáronse nas últimas horas de rescatar o corpo da persoa falecida que estaba atrapada nun sumidoiro a dous metros de profundidade no polígono industrial de Rábade.

Segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE), axentes da Garda Civil pediron axuda a través do 112, cara ás 22:45 horas do martes, para liberar o corpo dunha persoa que quedara atrapado nun sumidoiro a dous metros de profundidade.

Desde o CIAE informouse de inmediato a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Eume e aos membros do GES de Friol.

O corpo do falecido foi rescatado polos equipos de emerxencia desprazados ata o punto, os cales informaron de que, debido ás dimensións da arqueta, foi necesario cortar un tubo para poder chegar ao cadáver.

Fontes da Comandancia da Garda Civil confirmaron que este achado produciuse no marco do dispositivo de procura despregado para tratar de atopar a un home de 40 anos cuxa desaparición fora denunciada pola súa compañeira de piso hai uns días.

De momento, descoñécese a identidade do cadáver achado, dado que se atopaba nun avanzado estado de descomposición.

O corpo foi enviado ao Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), ademais de mobilizar as unidades especializadas da Garda Civil, para confirmar a identidade do falecido e as causas da morte. A nave era utilizada como residencia por un indixente de nacionalidade portuguesa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade