Os enxeñeiros Manuel Guaita e Manuel Touza reciben o Premio Arquitectura para un Mundo Mellor do Colexio de Arquitectos de Galicia
Os enxeñeiros Manuel Guaita e Manuel Touza reciben o Premio Arquitectura para un Mundo Mellor do Colexio de Arquitectos de Galicia
O xurado destaca o seu traballo na construción en madeira en Galicia durante os últimos 25 anos
Manuel Guaita (á esquerda con camisa a cadros) e Manuel Touza (á dereita con camisa azul)
Os enxeñeiros Manuel Guaita e Manuel Touza recibiron o premio Arquitectura para un Mundo Mellor do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
O galardón recoñece a traxectoria de ambos profesionais polo seu intenso labor docente, divulgativo e investigador arredor da tecnoloxía e da construción en madeira en Galicia durante os últimos 25 anos.
O xurado considera que Guaita e Touza son “figuras clave no impulso dunha nova cultura da construción vencellada coa nosa paisaxe, a nosa realidade territorial e a nosa tradición secular como construtores”.
A decisión subliña a achega continuada de ambos ao desenvolvemento dunha arquitectura máis sostible e adaptada aos recursos propios do país.
Manuel Guaita é doutor Enxeñeiro Agrónomo e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela.
Exerce como docente na Escola Politécnica de Enxeñería do Campus de Lugo e dirixe a Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural PEMADE.
Manuel Touza é doutor Enxeñeiro de Montes pola Universidade Politécnica de Madrid.
Ao longo da súa carreira participou na diagnose do estado estrutural de numerosos edificios emblemáticos do patrimonio histórico de Galicia, entre eles a Catedral de Santiago.