Os empresarios da Estrada aplauden a licitación da autovía que os conecta con Santiago
O presidente da Asociación de Empresarios da Estrada cre que a infraestrutura impulsará as exportacións locais
A Asociación de Empresarios da Estrada aplaude o anuncio da construción do último tramo da autovía que unirá a localidade pontevedresa con Santiago.
A Xunta ten previsto licitar as obras na primeira metade de 2023.
O presidente da Asociación de Empresarios da Estrada, Jose Luis Terceiro, cre que a infraestrutura vai supoñer unha mellora notable para os negocios da zona, ó reducir o tempo de conexión co aeroporto de Lavacolla e o AVE: "Haberá un antes e un despois. O necesario para que A Estrada despegue. Ás empresas hai que darlles unha vía de evacuación para poder exportar os seus produtos e non a tiñamos".
Nunha entrevista na Radio Galega, Terceiro referiuse tamén á crise de prezos. Apunta que 2022 foi moi bo ano en canto a volume de traballo, pero que a inflación repercutiu nos beneficios.