Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os efectos da chuvia de millóns na Fonsagrada, pendentes de percibirse

Os efectos da chuvia de millóns na Fonsagrada, pendentes de percibirse

Si se notaron nas sucursais bancarias e na administración de loterías da vila

Félix Aragunde 16/01/2023 14:09

A maior parte dos negocios da Fonsagrada aínda non notan os efectos dos 180 millóns de euros repartidos na vila no pasado sorteo de Nadal. Polo momento, non se ven coches de alta gama polas rúas nin se gastou en luxos, como adoita acontecer nestes casos.

Manuel Fernández, comerciante: "Non se nota nada. Hai un ambiente de total normalidade, coas mesmas vendas ca os últimos anos. Parece ser que algúns compraron coches e pisos, pero fóra da Fonsagrada. Non hai ningunha alegría que demostre que tocase esa barbaridade".

Gerardo Abraira, transportista: "Non se nota practicamente para nada. Eu dedícome ao transporte de animais, tocoulles a moi poucos clientes e non se nota para nada".

Felisa Fernández, hostaleira: "Non se nota que haxa tractores novos, nin coches, nin pisos, nin xoias. Segue todo igual, como estaba, na Fonsagrada".

Segundo os empresarios locais, este fenómeno ten a súa explicación. Por unha banda aínda é cedo, e por outra, a maioría dos agraciados son veciños de idade avanzada.

Gerardo Abraira, transportista: "Tocoulle a xente maior e xente á case non lle facía falta. E a maioría foi para fóra".

Felisa Fernández, hostaleira: "Tocoulle a moita xente que esta xubilada e foron moitos décimos para Asturias, Cataluña, Madrid ou o País Vasco. Vendeuse na xanela todo e no verán levaron os que viñeron de vacacións".

Onde si se perciben os efectos da chuvia de millóns é nos bancos con sucursal na Fonsagrada. Tamén na administración de loterías da vila, onde seguen a esgotar os décimos para os diversos sorteos.

Otilia Díaz, loteira: "En Reis acabárase e tiveramos que vender por terminal. Fixemos dous pedidos e esgotáronse. E incluso o sorteo especial deste sábado, que era de 15 euros, tamén o esgotamos e tivemos que vender por máquina".

Foran 450 os décimos premiados con 400.000 euros cada un, pero estímase que son menos da metade os que quedaron na vila.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar