Os dous senegaleses que auxiliaron a Samuel contan como lles cambiou a vida
Conseguiron traballo e permiso de residencia en España
"A nosa vida cambiou moito"
Ibrahima Diack ten 39 anos e un fillo que vive no Senegal. Magatte Ndyae ten 38 e xa é pai por partida tripla. Sobreviviron durante tres anos na Coruña coa venda na rúa, e na madrugada do pasado tres de xullo cruzáronse cos agresores de Samuel Luiz. Intentraron auxilialo, aínda que non deron evitado a súa morte.
Ibrahima di que o fixeron porque así é a súa educación, que lles ensinaron que se alguén ten problemas hai que axudalo.
A súa valente actuación foi recompensada co permiso de residencia e traballo. Agora móvense entre madeiras e parafusos na fábrica de Puertas Betanzos, en Oza-Cesuras.
"A nosa vida cambiou moito. Estamos moi contentos. Antes traballabamos dous ou tres días á semana. Agora temos que madrugar e traballar cada día. É moito mellor, ganamos para os nosos gastos e para enviarlle cartos á nosa familia en Senegal", explicaban os rapaces.
Aseguran, ao recordar a brutal agresión que acabou coa vida de Samuel, que volverían facer o mesmo sen pensalo, pero néganse a que lles chamen heroes.
"Non somos heroes. Somos persoas normais, como todo o mundo", comentaron os mozos senegaleses.