Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os dous incendios de Chandrexa de Queixa únense nun só que xa supera as 11.000 hectáreas ardidas

Os dous incendios de Chandrexa de Queixa únense nun só que xa supera as 11.000 hectáreas ardidas

Nos incendios activos na provincia de Ourense a superficie arrasada achégase ás 24.000 hectáreas

A noite deixa un rastro de estragos, con casas queimadas e animais mortos. O lugar de Caridade, en Monterrei, é o que levou a peor parte

Arestora hai 262 persoas confinadas en dous núcleos de Oímbra e Monterrei

Un veciño da Caridade observa os estragos do incendio (EFE/Brais Lorenzo)
G24.gal 14/08/2025 14:05 Última actualización 14/08/2025 21:25

Aldeas arrasadas, casas ardendo, animais mortos e persoas que se afanan para axudar no combate do lume é o panorama que deixa a vaga de incendios que vive Galicia, principalmente a provincia de Ourense

As lapas arrasaron preto de 24.000 hectáreas nos últimos días na comunidade galega, máis de oito veces a superficie total queimada en 2024 -que foi un dos anos máis benévolos desde que hai rexistros-, pero máis aló das grandes cifras, os estragos do lume fanse patentes nas aldeas.

O lugar da Caridade, en Monterrei, é este xoves a zona cero dos incendios na provincia de Ourense. Máis de vinte casas quedaron reducidas a cinzas, máis da metade da aldea. Amais diso, animais mortos, coches queimados e unha longa lista de estragos. Houbo quen o perdeu todo. A este pequeno núcleo, preto de Verín, chegou na tarde do mércores o incendio que empezou en Oímbra-A Granxa, que segue activo e arrasou xa 5.000 hectáreas.

Na Granxa, en Oímbra, os equipos de extinción seguen traballando. Viviron momentos de tensión. O lume rodeounos por momentos. Loitaron contra as lapas para salvar casas e granxas. 

É o rastro doutra noite que deixa unha batalla contra os incendios que se prolonga sen descanso, un día máis, e que deixou ducias de persoas evacuadas e aldeas confinadas. Puideron os desprazados e saír os que permanecían pechados, en moitos casos para poder ver todo o que o lume levou por diante.

Non obstante, os desaloxos chegaron a outros lugares durante a mañá. No lugar da Bouza, en Viana do Bolo, foi preciso desaloxar durante a mañá 40 persoas, que xa puideron regresar. En Oímbra 122 persoas están confinadas en Casas dos Montes, e 140 máis na Madalena, en Monterrei.

Un único incendio en Chandrexa de Queixa con 11.000 hectáreas

Os dous incendios activos en Chandrexa de Queixa, que se iniciaran nas parroquias de Requeixo e Parafita, uníronse único incendio que supera as 11.000 hectáreas queimadas, parte delas no veciño concello de Manzaneda.

Para a súa extinción mobilizáronse de xeito conxunto, ata o de agora, 21 técnicos, 95 axentes, 134 brigadas, 77 motobombas, 12 pas, 11 unidades técnicas de apoio, 20 helicópteros e 17 avións. Na extinción mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

2.500 hectáreas en Maceda

Tamén se converteron nun único incendio os dous que afectan ao concello de Maceda, que se iniciaron nas parroquias de Santiso e Castro de Escuadro (este último dábase por estabilizado). Leva queimadas xa 2.500 hectáreas

Para a súa extinción mobilizáronse en total 8 técnicos, 64 axentes, 96 brigadas, 63 motobombas, 10 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros, 18 avións e efectivos da UME.

Segundo a última actualización de datos de Medio Rural, o incendio que se iniciou o martes na parroquia de Granxa, en Oímbra, e que saltou ao concello veciño de Monterrei, e que esta noite motivou evacuacións e confinamentos, afecta a unha superficie de 5.000 hectáreas

Alí mobilizáronse, polo de agora, 13 técnicos, 35 axentes, 53 brigadas, 35 motobombas, 2 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros, 8 avións e efectivos da UME.

O incendio da Mezquita chega ás 8.000 hectáreas

Tamén iniciado o martes o incendio que prendeu na parroquia de Esculqueira, na Mezquita, afecta arredor dunhas 8.000 hectáreas.

Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 4 técnicos, 20 axentes, 20 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros, 11 avións, efectivos da UME e medios terrestres portugueses.

Mentres que os declarados este mércores en Vilar de Cervos, en Vilardevós, e en Seadur, en Larouco, alcanzan as 200 e as 150 hectáreas ardidas, repectivamente.

Están estabilizados os incendios de Ourense-Seixalbo (100 ha), Vilariño de Conso-Mormentelos (180 ha),  Montederramo-Paredes (120 ha) e Vilardevós-Moialde (40 ha) e Dozón-O Castro (400 ha).

Permanecen controlados Samos-Santalla (200 ha), A Fonsagrada-Monteseiro (150 ha), Verín-Mourazos (9 ha) e A Estrada-Souto (20 ha).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade