O incendio de Larouco é xa o máis grande da historia de Galicia, con 18.000 hectáreas queimadas
Chandrexa de Queixa e Vilariño chegan ás 17.500 hectáreas
Oímbra e Xinzo de Limia soben a 15.000 hectáreas
O incendio de Larouco (Ourense) superou o de Chandrexa de Queixa como o máis grande da historia de Galicia desde que hai rexistros.
Segundo o último balance da Consellería do Medio Rural, vai polas 18.000 hectáreas no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 32 técnicos, 104 axentes, 137 brigadas, 104 motobombas, 10 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 11 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Permanece declarada a situación 2 de emerxencia en toda a provincia de Ourense.
Chandrexa de Queixa e Vilariño chegan ás 17.500 hectáreas afectadas
Os incendios no concello de Chandrexa de Queixa comezaron o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Os tres acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie de arredor de 17.500 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 132 axentes, 157 brigadas, 102 motobombas, 15 pas, 14 unidades técnicas de apoio, 22 helicópteros e 21 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Maceda (Santiso e Castro de Escuadro uníronse con 3.500 ha)
O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume, que permanece activo.
Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 89 axentes, 133 brigadas, 79 motobombas, 11 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Oímbra e Xinzo de Limia (A Granxa e Gudín 15.000 ha)
O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 15.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 103 axentes, 146 brigadas, 89 motobombas, 4 pas, 5 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 33 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
A Mezquita-A Esculqueira (10.000 ha)
Desde as 09:42 horas do martes 12 está activo o incendio forestal que se iniciou no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 7 técnicos, 31 axentes, 35 brigadas, 32 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 4 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Vilardevós-Vilar de Cervos (900 ha)
Está activo desde o mércores 13 ás 18:09 horas o incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 19 axentes, 13 brigadas, 14 motobombas, 3 helicópteros e 5 avións.
Vilardevós-Moialde (500 ha)
Na tarde do xoves 14 reactivouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16:05 horas do luns 11. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 500 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 23 axentes, 36 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 6 avións.
Vilardevós-Fumaces e a Trepa (100 ha)
Activo desde as 17:41 horas do xoves o incendio forestal no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións roza as 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.
Carballeda de Avia e Beade (Vilar de Condes e As Regadas 3.500 ha)
O venres ás 16:38 horas iniciouse o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18:16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia das Regadas. Os dous lumes uníronse nun só lume, que permanece activo e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 3.500 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 53 axentes, 80 brigadas, 52 motobombas, 4 pas, 8 helicópteros e 12 avións.
San Cibrao das Viñas-Rante (60 ha)
Estabilizado desde ás 01:24 horas o incendio iniciado o pasado sábado ás 14:30 horas no concello de San Cibrao das Viñas, que segundo as últimas estimacións supera as 60 hectáreas. Na súa extinción participaron, de xeito acumulado, 1 técnico, 13 axentes, 28 brigadas, 17 motobombas, 2 helicópteros e 4 avións.
Agolada-O Sexo (400 ha)
Ás 12:34 horas de onte quedou estabilizado o incendio forestal do concello de Agolada, parroquia do Sexo, que se iniciou o pasado venres e o cal, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 400 hectáreas. Neste lume foi preciso activar a situación 2, medida adoptada de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Sexo. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 5 técnicos, 20 axentes, 39 brigadas, 39 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 2 avións.
Cervantes-Vilarello (150 ha)
Está estabilizado desde o sábado ás 22:35 horas un lume rexistrado ese mesmo día ás 05:27 horas no concello lucense de Cervantes, parroquia de Vilarello, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 150 hectáreas. Para a extinción do incendio mobilizáronse de xeito acumulado 10 axentes, 21 brigadas, 20 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.
O Saviñao-Chave (60 ha)
Desde as 00:55 horas de onte está estabilizado o incendio do concello lucense do Saviñao, parroquia de Chave, que se iniciou o sábado ás 15:00 horas e o que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 60 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 7 axentes, 19 brigadas, 18 motobombas, 3 helicópteros e 2 avións.
Muxía-Nosa Señora da O (23 ha)
Está estabilizado desde as 14:01 horas do sábado o lume iniciado ás 13:13 horas do venres na localidade coruñesa de Muxía, parroquia de Nosa Señora da O, que segundo as últimas estimacións afecta 23 hectáreas. Mobilizáronse de xeito acumulado para a súa extinción 3 técnicos, 21 axentes, 40 brigadas, 22 motobombas e 1 helicóptero.
Montederramo-Paredes (120 ha)
Segue estabilizado desde as 10:35 horas do martes 12 o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04:50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 axentes, 12 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Permanece controlado A Fonsagrada-Monteseiro (150 ha)
Permanece controlado desde as 14:42 horas do domingo 10 de agosto o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15:30 horas do martes día 5 e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 7 técnicos, 79 axentes, 103 brigadas, 109 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 8 avións.
Extinguido o Monfero-Queixeiro (1,5 ha e afecta o Parque Natural das Fraguas do Eume)
Ás 14:36 horas de hoxe quedou extinguido o incendio forestal declarado ás 21:11 horas de onte no concello de Monfero, parroquia de Queixeiro, que afectou 1,5 hectáreas do Parque Natural das Fragas do Eume. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 6 brigadas e 7 motobombas.
Verín-Mourazos (8,97 ha)
Está extinguido desde as 10:02 horas de hoxe o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13:15 horas do luns, que finalmente afectou unha superficie de 8,97 hectáreas arboradas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.