Publicador de contidos
Publicador de contidos

Prisión provisional sen fianza para os catro detidos polo acoitelamento do Orzán

Prisión provisional sen fianza para os catro detidos polo acoitelamento do Orzán

Están investigados por un delito de asasinato en grao de tentativa ou consumada, segundo evolucione a vítima

Dous dos arrestados este domingo á entrada dos xulgados
G24.gal 21/04/2024 10:06 Última actualización 21/04/2024 16:30

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 2 da Coruña decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza para os catro detidos polo acoitelamento do Orzán. 

Todos están investigados por un delito de asasinato en grao de tentativa ou consumada, dependendo da evolución da vítima.

Os feitos que se investigan sitúan os arrestados ás portas dun local da rúa Orzán, na madrugada do xoves ao venres.

O pub xa estaba pechado, pero os catro homes que pouco antes marcharan sen causar ningún tipo de problema regresaron para intentar recuperar a chaqueta que un deles esquecera no interior.

Varias testemuñas relataron que a vítima se limitou a recriminarlles o ruído que estaban facendo. O reproche provocou unha resposta extremadamente violenta, con golpes, patadas e puñazos.

Un dos implicados sacou unha arma branca e acoitelouno repetidamente. Un veciño gravou o ataque desde a súa vivenda.

Detención

A Policía Local prendeu os catro supostos implicados preto de alí, na rúa Torreiro, tres deles por agresión e outro por resistencia á autoridade.

Os veciños da zona de pubs do Orzán denuncian unha inseguridade que, aseguran, se agravou nos últimos meses.

A vítima desta última agresión permanece ingresada no CHUAC. A súa vida xa non corre perigo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar