Os detidos en Ourense 'caleteaban' coches en Cádiz para trasladar cocaína a Galicia
No operativo, comisaron 82 quilos de cocaína, tres pistolas, catro coches e 91.000 euros
En Majadahonda detectaron como o suposto líder da banda saía cara a Galicia cun vehículo lanzadeira seguido por outro no que transportaban a droga
A suposta banda de traficantes de cocaína desarticulada nos últimos días que operaba en Ourense e Majadahonda utilizaba "coches caleteados" que adquiría en Cádiz, para transportar a droga oculta, informa este luns a Policía Nacional.
"Entre os arrestados en Ourense está un dos transportistas dunha coñecida organización de narcotraficantes da zona", precisan nun comunicado acerca da operación bautizada "Espita", na que foron detidas seis persoas e comisados 82 quilogramos de cocaína, tres pistolas con munición, catro coches e 91.000 euros en efectivo.
A investigación comezou en setembro pasado, despois de que os axentes tiveron información acerca dunha suposta organización dedicada ao tráfico de cocaína asentada nas comunidades de Madrid, Galicia e Andalucía.
Os investigadores localizaron un piso situado nunha urbanización de Majadahonda onde vivía unha parella que, presuntamente, almacenaba alí a cocaína previamente adquirida a provedores na provincia de Cádiz.
A droga era transportada oculta en vehículos caleteados, previamente transformados mediante a construción de lugares específicos que accionaban de forma mecánica.
O 24 de novembro pasado, os axentes detectaron que o líder da organización saía dun aparcamento dunha urbanización en Majadahonda cun vehículo de alugueiro ao que seguía outro coche conducido por un descoñecido e ambos tomaron a autoestrada AP-6 en dirección a Galicia.
Os investigadores sospeitaron de que podería tratarse dun vehículo lanzadeira, seguido por outro que transportaba a droga, e ao chegar ao seu destino en Ourense, os axentes observaron que o principal investigado se reuniu con outro individuo, coñecido pola Policía como un narcotransportista.
O condutor do outro vehículo, que esperaba preto deles, decatouse do dispositivo policial e fuxiu, o cal precipitou a intervención dos investigadores e finalizou coa detención de tres individuos.
Tras inspeccionaren os vehículos, os axentes comprobaron que un deles contaba cunha caleta —fabricada debaixo do asento do copiloto, que ocupaba todo o chan— e no interior localizaron 40 paquetes con máis de 45 quilos de cocaína.
Poucas horas despois, os axentes incautáronse doutros 40 quilos de cocaína nun dispositivo en Madrid ao observar outros dous vehículos abandonando o mesmo aparcamento da urbanización de Majadahonda.
Ao inspeccionaren os coches, comprobaron que un deles portaba no maleteiro 31 paquetes idénticos aos intervidos en Ourense.
Os axentes arrestaron entón outras tres persoas como consecuencia do dispositivo policial e, tras o rexistro da vivenda investigada, incautáronse de numerosa documentación relacionada co tráfico de drogas e mais de tres pistolas coa súa correspondente munición.
A investigación segue aberta e as autoridades non descartan novas detencións. Os tres detidos en Ourense xa pasaron a disposición xudicial. Dous ingresaron en prisión e o terceiro ten que comparecer no xulgado cada quince días.