Publicador de contidos

Publicador de contidos

O París Saint Germain, campión de Europa por segundo ano consecutivo

O París Saint Germain, campión de Europa por segundo ano consecutivo

Os de Luis Enrique dominaron diante do Arsenal, pero a final foi aos penaltis (1-1)

Erraron Eze e Gabriel para deixar aos ingleses outra vez á beira da gloria europea

Foto: EFE Foto: EFE
G24.gal 30/05/2026 21:06

O París Saint Germain volve ser campión de Europa. O cadro adestrado por Luis Enrique reeditou o seu título nunha final na que foi moito mellor que o Arsenal, que intentou defender un gol madrugador e acabou cedendo nos penaltis.

Saiu mellor o Arsenal, que aproveitou a primeira que tivo, Un balón rexeitado no centro do campo caeulle a Havert, que galopou ata dentro da área e resolveu cun lorchazo que pasou moi preto da cabeza de Safonov. 1-0, e o Paris Saint Germain condenado a buscar a remonta.

Aos poucos, os franceses foron gañando algo de presenza en campo rival, pero o partido chegaba á pausa de hidratación sen contabilizar ningunha ocasión clara. E a seguinte volveu ser para os ingleses, cun centro se Saka que se paseou pola área de Safonov, que quedaba mancado.

A posesión era case exclusiva do equipo de Luis Enrique, que se achegaba cada vez máis á área, mentre o Arsenal achicaba como podía.

A máis clara chegou preto do descanso, cun balón de Fabián a Nuno Mendes, que daba o pase da morte desde a liña de fondo e acababa rematyando desviado o propio Fabián. Despois foi Dembelé o que probou fortuna, tamén sen puntería.

Pero aínda tivo a última o Arsenal, noutro remate de Havert que foi bloqueado no último momento. Marchaba o encontro ao tempo de lecer con poucas ocasións e un único gol que decantaba a balanza a prol dos ingleses.

A segunda metade comezou cunha tímida posesión do Arsenal, pero axiña o Paris Saint Germain volveu poñer coto á área de Raya. Un lanzamento de falta lonxano por parte de Achraf era o primeiro aviso para o porteiro. O Arsenal aguantaba como podía, pero a ofensiva incrementouse, e unha caída de Kvaratskhelia na área era castigada con penalti. Era o minuto 63, e Dembelé collía a responsabilidade de bater a Raya para establecer o empate a un.

 

Dembelé festexa o gol do empate (EFE) Dembelé festexa o gol do empate (EFE)

O cadro francés seguía dominando, e creando perigo. As seguintes ocasións levaron a signatura de Dembelé e de Vitinha. O Arsenal buscaba a súa a través dun xogo máis directo, pero foi Kvaratskhelia o que tivo unha inmellorable para facer o segundo. O seu remate bateu no pau.

Entrou o encontro nos minutos finais coa sensación de que o gol podía caer para calquera lado. Vitinha volveu ter unha clarísima, pero rematou lambendo a escadra. E, no último suspiro, Barcola tivo unha contra que tampouco foi quen de transformar diante de Raya.

O partido foi á prórroga, e seguiu o dominio francés, pero tamén o empate. Raya tivo que empregarse a fondo para sacar cos puños un envío lateral. E, no minuto final, foi o Arsenal o que gozou dun par de barullos na área dos que puido tirar partido.

Pero o resultado non se moveu e decidiron os penaltis. Comezaron tirando os franceses, e marcaron Gonçalo Ramos e Doué. Respondeu o Arsenal con Gyokeres, pero Eze errou o segundo. E apareceu Raya para salvar o terceiro de Nuno Mendes, devolvendo Rice o empate á quenda. Marcou Achraf o seu, e tamén Martinelli. O quinto francés foi para Lucas, e o definitivo dos igleses, para Gabriel. Pero o central botouno ás nubes. O París Saint Germain é campión da Champions por segundo ano consecutivo.

Raya láiase tras consumarse a derrota do Arsenal (EFE) Raya láiase tras consumarse a derrota do Arsenal (EFE)
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos