Os concellos determinarán as zonas con baixos que se poden converter en vivenda
Os concellos determinarán as zonas con baixos que se poden converter en vivenda
O director xeral do IGVS lembra que o novo decreto da Xunta que o posibilita entra en vigor o 15 de outubro
Heriberto García estima que hai 7.000 baixos sen uso pero aclara que non todos cumpren as esixencias
O vindeiro 15 de outubro, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, entra en vigor o decreto da Xunta que facilita a conversión en vivenda de baixos comerciais en desuso e de entreplantas.
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García, apuntaba que a partir dese momento os concellos son os que determinarán cales son as zonas sen demanda comercial onde se localizan este tipo de inmobles susceptibles de cambiar de uso.
Segundo as estimacións baralladas, indicaba García, nestes momentos en Galicia hai uns 7.000 baixos comerciais en desuso, pero sinalaba en que non todos cumpren os requisitos esixidos para convertelos en vivenda.
"Son os concellos os que teñen que, no seu ámbito municipal, analizar aquelas zonas que non teñen demanda e vocación comercial. Polo tanto, eses baixos que se sitúan nesas zonas sexan aos que se lles autorice esta reconversión cunha esixencias máis flexibles que as que teñen as vivendas en planta baixa con carácter xeral".
Comisión bilateral Xunta-Goberno
O director xeral do IGVS tamén falou da activación da comisión bilateral Xunta-Goberno logo de que o Executivo galego impulsara un conflito de competencias en relación á lei estatal polo dereito á vivenda.
Un trámite que se publicaba no último Diario Oficial de Galicia e polo cal ambas as dúas administracións acordaron iniciar negociacións para resolver as discrepancias manifestadas ante varios artigos e disposicións transitorias da normativa aprobada no ámbito estatal.
Heriberto García indicou que se trata dun proceso regulamentado e que no "seo desa comisión é onde temos que discutir aquelas cuestións e medidas e disposicións da lei coas que a comunidade autónoma -dende os primeiros borradores- fixo ver que non estaba de acordo" tanto polas medidas como porque entenden que "invadían competencias".