Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os cativos preparan os disfraces para o gran desfile infantil de Xinzo de Limia

Os cativos preparan os disfraces para o gran desfile infantil de Xinzo de Limia

Mil cincocentos pequenos desfilarán no Gran Desfile Infantil do Entroido, que congrega estudantes de toda a comarca

Faltan aínda dúas semanas, pero xa están cos preparativos, que converten as aulas en prolíficos talleres de disfraces

G24.gal 17/02/2025 14:11

No colexio Carlos Casares, un dos dous CEIP que hai en Xinzo de Limia, afánanse en preparar o desfile infantil de Entroido, que se celebrará o venres 28 de febreiro.                                       

A temática que este ano elixiu o colexio Carlos Casares para este desfile é, ao tempo, unha lección da historia cultural dos últimos cincuenta anos, os anos que cumpre o colexio.

"Cada grupo vai dunha década diferente, de algo que ocorreu culturalmente nesa década. Os máis pequeniños van dos 70, vestidos de hippies, por exemplo. E os maiores, do 2020, das tecnoloxías futuristas. E os de segundo, por exemplo, de Locomía, a finais dos 80 e principios dos 90", conta José Carlos González, director do CEIP Carlos Casares.

Aos de cuarto tocoulles unha película que conmoveu toda unha xeración a principios dos 2000. "Ímonos disfrazar da década dos 2000, de 'Buscando a Nemo'". "Primeiro facemos o deseño en papel e despois pintámolas cun pincel", comentan.

Tradición

A tradición do Entroido, tan potente nesta vila, non corre perigo. Prende rápido nos máis novos.

"Gústame bastante, porque hai charangas, música...". "Porque me encanta disfrazarme e pasalo ben cos amigos", comentan dúas nenas sobre o Entroido.

Canda eles, participarán no desfile infantil todos os alumnos e alumnas da comarca da Limia, desde as escolas infantís a secundaria. En total, ao redor de mil cincocentos cativos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade