Os cantos de Reis escóitanse polas rúas de Pontevedra grazas aos Chichisos
Hai 26 anos que o colectivo dos Chichisos recuperou esta tradición do Nadal galego
A cidadanía contribúe co aguinaldo para compensar a friaxe do percorrido dos cantores
Cantares de vello recuperados na zona e recollidos dos cancioneiros populares. Son os que aprenden os cativos que cada Nadal saen en Pontevedra coa agrupación dos Chichisos.
"Cantámosche os reises do quiquiriquí, se non nos dás nada cagámosche aquí" canta Darío.
"A Virxe María e mais San Xosé fóronse a Belén montados nunha burra" canta Irene.
Nos Chichisos xúntanse varias xeracións desde hai 26 anos para conservar unha tradición que se perdeu en moitos lugares pero que é propia da riqueza musical desta época que tiñamos en Galicia.
"Quedar cos pequenos, ensaiar, ver a camaradería que se forma entre eles o día que saes a cantar polas rúas cando ven que a xente responde botándolle o aguinaldo na funda da gaita está moi ben, é moi bonito", conta Rosalía Rodríguez, que forma parte do grupo dos Chichisos.
"Estamos cantando polas prazas para que nos dean o aguinaldo e pasámolo moi ben. Despois imos ao cinema e comemos unha merendola estupenda" di Irene.
"O ano pasado déronnos un billete de 50 euros!", recorda Nerea.
Arredor deles van xuntando un público comprometido que os acompaña nesta tarde de friaxe. Xa non se vai porta por porta pero nas rúas a maioría da xente para ao seu paso e compénsaos co aguinaldo.