Os cans poden viaxar en autobús na cidade de Ourense
En España só se permite en 14 cidades de máis de 50.000 habitantes, ningunha en Galicia
Os donos teñen que expedir un carné no rexistro municipal
Manuel fíxolle un carné á súa mascota Nora para poder viaxar con ela nos autobuses urbanos de Ourense: "Tivo que posar para facer as fotos, leveina á perruquería, que me custou 30 euros, pero é o que merece".
O carné acredita que a cadela ten microchip, seguro e que está vacinada. Unha vez dentro do autobús, Manuel ten que levala canda el e asegurarse de que non estorba o paso doutros pasaxeiros. Ten que viaxar con correa e, se fose un can máis grande, debe levar bozo.
"E como é moi bonita, todo o mundo a acariña e lle vén a falar. Como é tan pequeniña, métoa no transportín. Non sei como reaccionarían cun can grande", explica Manuel Vidal, que viaxa coa súa mascota no autobús.
Ourense é a única cidade galega que permite levar mascotas nos autobuses urbanos, e das poucas de España.
"Tamén depende do can e de como vaia no autobús. Eu teño unha cadela bastante hiperactiva que, se non vai ben amarrada, pode ser un perigo", comenta Anxo, que ten dúas cadelas.
Na provincia de Ourense hai rexistrados preto de 90.000 cans, o triplo ca nenos menores de dezaseis anos. Mentres a liña demográfica segue en caída, as mascotas van en aumento, 15.000 máis que catro anos atrás e contando só as que están debidamente rexistradas.