Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os cabalos invaden as estradas do Morrazo

Os cabalos invaden as estradas do Morrazo

Condutores alertaron dunha manda de seis equinos que estaban a pastar nun noiro da autovía

G24.gal 16/03/2026 13:35

Foron moitos os condutores que alertaron de que polo menos seis cabalos pastaban nun noiro da autovía do Morrazo en Meira. Foi á primeira hora da mañá da fin de semana e por sorte a escaseza do tráfico fixo que non houbera que lamentar ningún accidente. Xa é habitual no Morrazo que os cabalos invadan as estradas. Desta vez foi unha grea que chegou ata a o enlace de Meira. 

O condutores do Morrazo xa están alerta: "é moi perigoso, aparte nesta estrada pasan moitos coches, cara o corredor, cara ao traballo xente, e hai pouca visibilidade"; "e polo monte non sei quen os controla, pero coidado, porque vas por unha estrada que está sen marcar cara Castiñeiras , e sae un cabalo e pode causar un accidente. Coido que xa houbo algún, e a verdade é que non sei cal é o remedio", comentan algúns.

O dos cabalos na autovía é un problema recorrente. O mes de novembro pasado xa se tivo que pechar a estrada para afastar dela os animais. Os condutores extreman as precaucións porque non lles queda outra: "Claro, con moita precaución. Aínda que estes días a Xunta colocou carteis grandes na estrada de 'cabalos soltos', pero aínda así e un perigo, sobre todo no alto, que inverno hai moita néboa, e como te saia un para abaixo...". "Para min o correcto sería que o cabalo estivera identificado e que o dono sexa responsable, non só de deixalo na estrada, senón de deixalo nun lugar que non afecte aos demais, que non se manquen nin o cabalo nin os demais que están na estrada".

Xa houbo accidentes por cabalos que invaden a estrada, no último un coche sufriu serios danos, e o animal tivo que ser sacrificado polas graves lesións que sufrira tras o impacto. Moitos descoñecen ese perigo, sobre todo na estrada que une Moaña e Marín. Como esta muller que vai facer un curso na zona: "Pois non tiña nin idea a verdade, grazas por avisar, porque agora vou pasar todos os días por aquí e está ben sabelo".

Hai anos que para evitar que os cabalos invadan a estrada colocáronse pasos canadenses e barreiras de protección que xa non están a funcionar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade