Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os bonos Activa Comercio da Xunta poderanse descargar desde este mércores ás 9 da mañá

Os bonos Activa Comercio da Xunta poderanse descargar desde este mércores ás 9 da mañá

As compras entre 20 e 30 euros terán un desconto de 5 euros, mentres que nas compras de entre 30 e 50 euros o desconto será de 10 euros

Non hai límite de usuarios, pero, unha vez esgotado o crédito total de 2,5 millóns, os bonos descargados xa non se poderán utilizar

G24.gal 26/05/2026 17:30

Os bonos Activa Comercio da Xunta estarán dispoñibles na web www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga desde este mércores, 27 de maio, ás 9:00 horas, ata que o importe dos descontos efectivamente realizados en compras alcance os 2,5 millóns de euros.

Así o ratifica a orde que publica o Diario Oficial de Galicia este martes, na liña do avanzado na pasada xornada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao termo da reunión semanal do seu Executivo.

Os bonos, segundo define o Executivo autonómico, están pensados para fomentar o consumo no momento da compra, favorecendo así a dinamización inmediata do comercio local.

Terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil.

Os descontos poderán ascender a un máximo de 30 euros, 15 de máximo por unha soa compra.

En concreto, o importe irase reducindo en función do valor da compra.

Así, as compras de entre 20 euros e 30 euros terán un desconto de 5 euros, mentres que nas compras de entre 30 a 50 euros o desconto será de 10 euros.

A partir desta contía, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono nesta primeira edición.

Non hai límite de usuarios, pero, unha vez esgotado o crédito total de 2,5 millóns, os bonos descargados xa non se poderán utilizar, mesmo aínda que non se consumisen na súa totalidade.

Ademais, co fin de incrementar as vendas, establécese a incompatibilidade dos bonos Activa Comercio con calquera outra axuda destinada á mesma actuación subvencionable dentro dunha mesma compra.

Sorteo en TikTok

Como elemento de dinamización da campaña deste ano, habilítase un sorteo a través das contas oficiais da Xunta en TikTok e Instagram dirixido ás persoas usuarias dos bonos Activa Comercio que realicen compras no marco do programa, co obxectivo de contribuír a dar maior visibilidade ao comercio local.

O sorteo consistirá na adxudicación de catro bonos adicionais por importe de 250 euros cada un, en formato dixital mediante código QR, que poderán utilizarse nos establecementos adheridos cun prazo de validez dunha semana.

A participación estará vinculada á realización dunha compra con bono nun comercio adherido e á interacción coas publicacións oficiais da campaña nas redes sociais, segundo as condicións establecidas na convocatoria que se publica este martes no DOG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos