Os bombeiros de Lugo irán á folga indefinida a partir do 9 de xuño
Os bombeiros de Lugo irán á folga indefinida a partir do 9 de xuño
Reclaman melloras neste servizo e denuncian “as condicións de precariedade en que traballan”

Despois de protagonizar varias protestas polas rúas de Lugo, con concentracións e momentos de tensión ante a Delegación Territorial da Xunta de Galicia e a Deputación, os bombeiros do consorcio provincial irán finalmente a unha folga indefinida a partir do 9 de xuño, un paro para reclamar melloras neste servizo e denunciar “as condicións de precariedade nas que traballan”.
A convocatoria de folga, en principio, só afecta o Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo, pero os sindicatos avisan de que “nuns días poderían sumarse os compañeiros dos demais consorcios provinciais”.
A folga indefinida foi convocada pola Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), UXT, CCOO, SIBGAL e CIG, despois dunha “suma de incidencias”, sinalan estas organizacións, “que puxeron especialmente en evidencia o déficit tanto de material como de persoal co que está a traballar este colectivo”.