A multinacional Bandalux inaugura en Santiago a súa sede corporativa
A empresa ten fábricas nos Estados Unidos e Europa e máis de 600 empregados
Desde o aire a nova sede de Bandalux é un edificio de tea, coroado por unha cúpula acristalada. Desde o chan, o fundador e o seu fillo, presidente e vicepresidente de Bandalux, amosan como os tecidos da multinacional galega matizan a luz e a temperatura e reducen o consumo enerxético.
"Queriamos que todo o edificio fose unha declaración de intencións do que representa Bandalux, que coincide co que os nosos clientes, que son a maioría arquitectos, buscan", afirma Eduardo García, vicepresidente de Bandalux.
"Temos un problema importante co cambio climático, e a cortina xoga un papel importante porque non é o mesmo ter unha protección térmica que nos permite controlar o 70 % da temperatura e evitar que o aire acondicinado non estea ao 100 % de rendemento, e que poida estar a un 30 ou un 40 %", explica Emiliano García, presidente e fundador da multinacional.
O edificio, deseñado polo arquitecto Mauro Lomba, ten a máxima certificación en sustentabilidade
A inauguración da nova sede corporativa da empresa en Santiago chega 40 anos despois da fundación da empresa: un fito nunha historia que comeza na zona rural de Pontevedra, cunha maleta.
"É unha historia de galegos que emigraron e deron moitas voltas ao mundo, desde Venezuela aos Estados Unidos, para regresar. Agora temos plantas de produción en Pontevedra, en Miami, en Italia e en Cataluña. Francia é o principal cliente", conta Eduardo García.
"Compénsase a distancia co apego que eu teño a Galicia, despois de moitos anos fóra", di Emiliano García.
Facturan máis de 70 millóns, suman clientes en 80 países e buscan para os seus empregados o mesmo confort que os seus estores deixan en edificios de todo o mundo.
"O edificio Chrysler de Nova York, os despachos de moitos CEO dos IBEX 35 ou a casa do Cholo Simeone levan os nosos estores. A maioría dos clientes son confidenciais, pero pensar que estamos nas súas casas a verdade é que dea moito orgullo", afirma Eduardo García.