Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os balnearios rexistran unha boa ocupación na ponte de decembro

Os balnearios rexistran unha boa ocupación na ponte de decembro

Os viaxeiros buscan opcións de ocio que non estean condicionadas pola chuvia nin o frío

Constatan que os bonos termais teñen cada vez máis reclamo como agasallo de Nadal

G24.gal 07/12/2025 14:23 Última actualización 07/12/2025 14:48

Este tempo chuvioso e frío favoreceu un turismo de interior durante a ponte que prioriza a gastronomía, o recollemento e o benestar. O turismo rural e o termal superan en moitos establecementos o 70% de ocupación.

A pouco máis de 10 graos, co día moi anubrado e despois de almorzar, o mellor plan escollido por un grupo de amigos para este domingo de ponte foi o turismo termal.

"Viñemos pasar unha fin de semana catro parellas de amigos. Un momento de relaxación despois de moito traballo, hai que tomar uns días de descanso. Onte chegamos un pouquiño tarde e non hai mellor cousa ca isto para gozar dunha mañá de domingo", asegura Santiago.

A ocupación está sendo boa nos balnearios da provincia de Ourense. Algúns deles case ao completo.

"Non é a ponte con máis alta ocupación pero estamos arredor do 80% ao longo dos tres días. É certo que cando a ponte é curta o que vén é un turismo de proximidade, das provincias ao carón noso. E o outro perfil de usuario é de xente que vén no seu coche pasar o día ao Carballiño" explica Eva Álvarez, directora do balneario Caldas de Partovia, no Carballiño.

Os atractivos termais, gastronómicos e culturais son nesta época unha aposta segura, tamén de cara ao nadal, incluso como agasallos.

"A xente cada vez regala máis experiencias, xa sexan gastronómicas, viaxes ou programas de benestar. É unha opción cada ano máis recorrente. E o termalismo hai que vivilo, hai que experimentar e ir e o normal é que te enganche", asegura a directora.

Por iso as expectativas para as próximas semanas son tamén boas neste sector aínda que non teñen todas as reservas cubertas pero recoñecen que moita clientela agarda a última hora.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade