Os autónomos que pidan axudas do programa Impacto comezarán a cobrar en tres semanas
A conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade María Jesús Lorenzana asegurou que o programa de axudas Impacto Autónomos recibiu un aluvión de solicitudes desde o pasado luns, 9 de xaneiro
Nunha entrevista na Radio Galega, Lorenzana pediulle ao goberno que explique as medidas que vai adoptar para frear o aumento de casos de violencia machista e que as coordine coas comunidades autónomas
A conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade María Jesúa Lorenzana anunciou que os traballadores autónomos que solicitaron esta semana as axudas do programa Impacto Autónomo da Consellería de Promoción de Emprego comezarán a cobrar dentro de tres semanas as cantidades acordadas de entre 800 e 1.500 euros.
A conselleira cualificou de éxito a convocatoria e asegurou que xa están solucionados os problemas informáticos que se presentaron nun primeiro momento polo aluvión de solicitudes recibidas. O prazo para pedir estas axudas remata o vindeiro 9 de febreiro, e poden solicitalas todos os traballadores autónomos con rendementos netos mínimos de 10.000 euros e máximos de 30.000 euros durante o ano 2021.
En relación coas medidas que prepara o goberno para facerlle fronte á violencia machista, Lorenzana reclamou máis medios policiais e unha maior coordinación coas comunidades autónomas. Asegurou que as medidas que se poden adoptar de oficio, como as medidas cautelares que propón a Fiscalía, eran idóneas e "son ben recibidas".
"Nós o que reclamamos en primeiro lugar é que nos expliquen as medidas que están sobre a mesa para tamén, por suposto, coa experiencia que temos as comunidades autónomas, que ao final estamos coordinando dentro dos nosos territorios todas as medidas de axuda tanto económica como social, psicolóxica e xurídica ás vítimas, que se escoite a nosa experiencia e, por suposto, que se poida facer unha avaliación de cales van ser as medidas que se poñan sobre a mesa".
A proposta da Xunta en relación coa violencia machista, segundo a conselleira, é continuar traballando na coordinación entre as administracións, especialmente coa local; en poñer en valor a experiencia que se xera no contacto directo coas vítimas, e en seguilas apoiando mediante programas de axudas económicas.
"Temos que continuar traballando na independencia económica e laboral, por iso se está intentando fomentar a inserción laboral das vítimas de violencia e, o que dicimos sempre, continuar traballando na prevención".
A conselleira tamén anunciou que acaba de convocar unha reunión do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero.