Os artesáns manteñen a tradición na elaboración da máscara da pantalla de Xinzo
Organizan obradoiros para que a xente poida aprender a facer a súa propia carauta
Estes días están a tope de traballo para rematar as máscaras para lucir este Domingo Corredoiro
No taller do Santiago e a Aurora preservan a elaboración tradicional da pantalla
E onde xa están de cheo cos praparativos para os días grandes do Entroido é en Xinzo de Limia. Alí o símbolo da súa festa é a pantalla, así se chama a súa personaxe e tamén a propia máscara. Os artesáns da vila elabórana de xeito tradicional e organizan obradoiros para que a xente aprenda a facer a súa pantalla.
O Santi de Xinzo comezou xa con 12 anos a facer as súas primeiras pantallas, aprendeu dos máis vellos da vila como Julio Villarino e, pouco a pouco, el foi converténdose no artesán que é hoxe. Un traballo laborioso feito con amor para manter a tradición do Entroido limiao.
Xunto coa Aurora transmiten o seu saber nos obradoiros aos que queren aprender a facer a súa propia Pantalla.
"Eu por iso estou dando obradoiros agora tamén para que non se perda, para que a xente saiba e valore o que é unha pantalla. É o que temos e hai que preservala como sexa. Eu xa as fago para que duren moito, cando morra eu que estean 40 anos por aí rodando. Ese é o orgullo que teño eu", di o artesán Santiago Martínez Santana.
O Entroido en Xinzo é toda unha inxección de emocións e tamén económica para a vila. Aquí este ano fixeron más de 30 máscaras para adultos e no obradoiro outras 70 ou 80. Este domingo no corredoiro a Pantalla co seu xesto pícaro de medio diaño volverá lucir a súa elegancia polas rúas da vila.