Os aniversarios infantís, cada vez máis caros: ata 300 euros por festa
Cunha media de quince convidados, os prezos ascenden ata os trescentos euros por celebración
Un mercado frutífero en que non paran de xurdir innovadoras propostas
É a última incorporación de ocio infantil en Ourense: un spa con pintura de unllas, maquillaxe e peiteado. Custa entre 20 e 30 euros dependendo do paquete elixido.
"Eu, como nai, quixen facer algo distinto. A miña filla quere ir ao cine, pero non o día do seu aniversario. Ese día quere algo máis especial", explica Angely Angulo, de Burbuja Chic.
"Eu queríalle regalar á miña filla algo diferente, que non fose o de sempre", ratifica unha nai.
Con ingresos que soben dos trescentos euros por celebración, o dos aniversarios infantís converteuse nos últimos anos nun suculento mercado. "Entre 200 e 300 euros, segundo o que fagas". "Máis de trescentos euros por aniversario", comentan unha nai e un pai.
A opción máis recorrida segue a ser a dos parques de bólas e atraccións, con prezos entre quince e dezoito euros por neno, dependendo das instalacións.
"Antes facíanse os aniversarios na casa, pero iso xa non é viable. Teñen moitos amigos, son festas grandes, e non meteriamos na casa 15 ou 20 nenos", sinala Maite Gómez, de Galiocio.
Todo un mundo que require planificación, segundo comentan varios pais e nais, que se organizan mediante grupos de WhatsApp e achegando sempre a mesma cantidade, entre 10 e 15 euros por neno.