O Cisneros retoma as clases, pero os veciños desaloxados aínda non poden volver ás casas
O patio exterior do centro educativo quedou clausurado ata que rematen todas as peritaxes e os labores de limpeza
Os bombeiros traballan para determinar se a derruba do muro afectou tamén a estabilidade do edificio lindeiro
Os nenos do colexio Cardenal Cisneros volveron hoxe ás aulas, iso si, cos patios polo de agora clausurados e algo menos de afluencia que un día normal. Mentres, os veciños do edificio lindeiro nesta rúa Fonte do Monte seguen desaloxados á espera de que os informes dos técnicos garantan a seguridade da cimentación.
Con algo menos de xente da que é habitual no colexio Cisneros os nenos volveron hoxe ás aulas.
Ledicia entre os cativos e aínda algo de sorpresa polo acontecido entre as nais e pais que hoxe levaban os cativos á escola despois de que onte se suspenderan as clases. Moitos aínda tiñan en mente as imaxes do mércores pasado.
Tras a derruba do muro, no patio exterior, a zona quedou clausurada ata que rematen todas as peritaxes e os labores de limpeza. "Pois estaremos entre a biblioteca, a sala de audiovisuais e o patio interior ata que non arranxen o patio de fóra", explica Patricia Solla, xefa de estudos do centro.
Mentres, no edificio lindeiro co colexio, diante do que se produciu a fuga de auga que provocou o derrubamento, os seus veciños levan xa dúas noites realoxados fóra da casa. "Aínda non pasaron 48 horas, pero agora xa hai que empezar a saber en que situación imos estar e o que temos que facer, claro", di un deles.
Os bombeiros traballan para determinar se a derruba do muro afectou tamén á estabilidade do edificio.
"Agora consideramos que o máis seguro é facer un estudo xeotécnico para ver que efectivamente as cargas que nos chegan ata o terreo este terreo é quen de soportalas con seguridade, aparte temos o patio dun colexio debaixo e temos que estar seguros", apunta José Benito Álvarez, oficial de incendios.
O importante, din, é garantir a seguridade para poder ir recuperando a normalidade aos poucos.