Os agricultores europeos teñen medo do impacto do acordo da UE co Mercosur
A Unión Europea e o Mercosur asinarán o acordo de libre comercio o próximo sábado
Os agricultores europeos en xeral, e os españois en particular, poden ser os máis afectados pola sinatura do acordo de libre comercio entre a Unión Europea e o Mercosur, integrado pola Arxentina, o Brasil, Paraguai e Uruguai.
O pacto aprobado este venres polo Consello Europeo abre as portas da maior zona de libre comercio do mundo, con máis de 720 millóns de consumidores potenciais.
Os agricultores e gandeiros din que os productos do Mercosur poden afundir os prezos
O texto foi moi ben recibido polos sectores industriais dos dous lados, xa que supón a desaparición da maior parte dos impostos de importación e exportación, pero con moitas dúbidas no sector primario europeo.
Os agricultores levan xa días mobilizándose contra un texto que, segundo os seus representantes, pon en grave risco ás explotacións agrarias, especialmente ás de vacún de leite e de carne, porque os productos sudamericanos poderían entrar en Europa moito máis baratos, xa que teñen lexislacións medioambientais moito menos esixentes e soldos máis baixos
O acordo de libre comercio ten un longo e difícil percorrido por diante
O acordo co Mercosur si podería beneficiar a curto prazo a sectores coma o do aceite de oliva ou o do viño. O Consello Europeo lembra que haberá axudas ao sector agrario dos 27 países, e que haberá intervención se os prezos baixan máis dun 5% en Europa.
O texto será asinado o próximo sábado no Paraguai, e logo terá que ser ratificado polo parlamento europeo, nun proceso que contará coa oposición de países coma Francia ou Polonia, que xa anunciou que recorrerá ao Tribunal de Xustiza europeo.
O pacto seguirá contando tamén coa oposición das organizacións de agricultores que, en Galicia e noutros puntos da Unión, sairán de novo ás rúas o próximo luns.