Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os detidos na operación Doner contra o tráfico e heroína serían 'paqueteiros' que operaban en varias cidades

Os detidos na operación Doner contra o tráfico e heroína serían 'paqueteiros' que operaban en varias cidades

Os arrestados formarían parte dunha rede que distribuía heroína en pequenas cantidades, pezas clave para pór a droga na rúa

Houbo rexistros en seis cidades da provincia de Pontevedra e tamén en Santiago 

G24.gal 22/10/2025 14:17 Última actualización 22/10/2025 14:34

Golpe en toda a liña de flotación dunha importante rede que estaría distribuíndo heroína por varias cidades galegas. Os 22 detidos serían os coñecidos como paqueteiros, é dicir, nin xeques nin peóns. Senón narcos que estarían no nivel medio da cadea, os encargados de mover a droga en cantidades pequenas, que igual rozan o quilo, pero pezas claves para que esa mercadoría chegue ao consumidor final.

"Detivéronse máis de 20 persoas que supostamente teñen relación co tráfico de drogas", confirma Abel Losada, Subdelegado do Goberno en Pontevedra. 

E non calquera droga: heroína, unha substancia que está volvendo con forza, tras a caída dos prezos da cocaína. O perico xa non deixa tanto beneficio, por iso os narcos están apostando polo cabalo, que agora se consome en pipa.

A operación Doner, en que traballaron conxuntamente Policía Nacional e Garda Civil, desenvolveuse sobre todo na provincia de Pontevedra.

"Realizáronse máis dunha decena de rexistros en varios puntos da provincia. Incautáronse substancias estupefacientes, cartos e algunha arma", engade Losada.

É o balance deses rexistros en Vilagarcía, Vilanova, Cambados, Vigo, Baiona, Soutomaior pero tamén en Santiago.

Non pasou nin un mes da última operación gorda: a operación Saona. Foran 18 rexistros, 14 detidos a un e outro lado da ría de Arousa, e un alixo de máis de 3.600 quilos de cocaína que chegaron á Pobra nun narcosubmarino, o maior cargamento de cocaína incautado no que vai de ano en toda Europa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade