Publicador de contidos

Publicador de contidos

O agro anuncia protestas a última semana de xaneiro en toda España

O agro anuncia protestas a última semana de xaneiro en toda España

Os gandeiros, con 150 tractores, manteñen as protestas en Lugo

Medio Rural insiste en que aumentará os controis en Galicia ante o acordo con Mercosur
 

Protesta na rolda da Muralla de Lugo (EFE/Pedro Eliseo Agrelo Trigo)
G24.gal 15/01/2026 11:59 Última actualización 15/01/2026 14:56

As organizacións profesionais agrarias (Asaja, COAG e UPA) convocaron un conxunto de mobilizacións por toda España para a última semana de xaneiro en defensa do campo ante a ameaza que lles supón os acordos comerciais como o de Mercosur e os recortes de fondos da PAC.

Así o anunciaron os dirixentes destas tres organizacións: Pedro Barato (Asaja), Miguel Padilla (COAG) e Cristóbal Cano (UPA), nunha conferencia de prensa conxunta.

O día culme será o xoves 29 de xaneiro, cando ditas mobilizacións serán xeneralizadas en todo o Estado, mesmo con algún acto previsto en Madrid capital.

Para o resto de xornadas (26, 27, 28 e 30 de xaneiro), estas tres organizacións dan flexibilidade ás súas delegacións rexionais para que, en función das súas "particularidades" e necesidades, convoquen accións uns ou outros dentro dos seus territorios.

Estas organizacións amosan o seu rexeitamento ao acordo co Mercosur que cren que terá un "impacto negativo" no sector. Desde a Asaja criticaron que lle "falta reciprocidade" e que as cláusulas de salvagarda son "imposibles de aplicar".

Pola súa parte COAG acusou á UE de estar "vendendo o sector agrario por catro patacóns". UPA pediu as cláusulas de salvagarda, que consideran insuficientes" se apliquen de forma "áxil"  e facerlle un "seguimento"

Gandeiros de Lugo reúnense coa conselleira tras unha noite de protestas

Representantes das dúas organizacións que convocaron as protestas dos gandeiros en Lugo contra o acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur reuníronse este mediodía coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, tras unha noite movida, na que un grupo de produtores montou garda na Rolda da Muralla e queimou rolos de herba seca.

María José Gómez, asegurou que a Xunta de Galicia prevé incrementar os controis existentes de produtos agroalimentarios ante o acordo comercial alcanzado pola Unión Europea (UE) con Mercosur, que suscitou importantes protestas entre os produtores galegos.

A conselleira defendeu que, xunto cos controis, impulsarase unha estratexia pública para promocionar os produtos galegos. Gómez tamén insistiu en que, por parte da Xunta, "seguirase esixindo como imprescindible que se respecten as cláusulas de salvagarda e que todos os produtos que entren en España cumpran cos mesmos requisitos sanitarios" esixidos desde hai anos aos produtores comunitarios.

Así mesmo, nesa reunión tamén se abordaron cuestións vinculadas coa nova proposta de Política Agraria Común (PAC), que a Administración autonómica ve "lesiva para o sector".

A reunión entre os representantes de Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, presididas por Noelia Rodríguez e Santiago Rego, tivo lugar precisamente na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, punto da rolda da Muralla onde os gandeiros pasaron onte horas, tamén durante a noite, queimando forraxe e pneumáticos, o que provocou unha columna de fume visible desde diferentes puntos da cidade.

Fontes das organizacións convocadores anunciaron que, se non reciben “respostas” e noticias positivas por parte da Administración, están dispostos a recruar as protestas para “subir a presión”.

En principio, a concentración, na que participan uns 150 tractores, manterase de forma “indefinida”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade