A prevención dos fungos, o mellor funxicida na horta ecolóxica
O Craega insta os fabricantes de fitosanitarios a que elaboren tratamentos sen risco ningún para a saúde nin para a natureza
Con frecuencia, poden aparecer fungos na horta que afectan aos cultivos. Para combatelos, existen unha serie de produtos na agricultura convencional, moito máis limitados no caso da ecolóxica. Dende o Craega, sinalan que a regulamentación europea admite solucións naturais como a sacarosa, o aceite de xirasol ou a cervexa, ao tempo que inciden en que a prevención é o funxicida máis respectuoso coa natureza.
"O idóneo para estes casos é primeiro identificar o fungo e logo facer un diagnóstico de por que chegou aí. Ao mellor, o que temos que facer é tomar medidas preventivas para que non chegue o fungo, e asi xa non teriamos que aplicar absolutamente nada para eliminalo. Esa sería a técnica avanzada e mái admisible dentro do que é o funcionamento da agricultura ecolóxica", sinala Marcos Vázquez, responsable de promoción do Consello Regulador da Aricultura Ecolóxica de Galicia.
Doutra banda, dende a autoridade de control da agricultura ecolóxica galega fan un chamamento aos fabricantes de produtos fitosanitarios en xeral para que traballen na elaboración de tratamentos que non supoñan risco ningún tanto para a natureza como para a saúde.
"A poboación en xeral non recoñece os riscos que pode ter o uso intensivo e sen control dos produtos fitosanitarios", advirte Marcos Vázquez.
Ademais de determinados produtos con base de cobre ou de carbonato de sodio, a cola de cabalo figura entre os tratamentos para atacar os fungos que resultan menos agresivos coa horta.