Optimismo sobre a evolución do incendio de Tenerife, que xa arrasou dez mil hectáreas
Máis de doce mil persoas, de once concellos, tiveron que ser evacuadas
A noite volveu ser dura en boa parte do norte e do sur da illa de Tenerife, onde a policía tivo que desaloxar máis veciños, coma os de Tacoronte, pola ameaza do incendio e do fume.
Dez mil hectáreas queimadas por un incendio cunha fronte de 70 quilómetros
As últimas cifras oficiais falan de dez mil hectáreas arrasadas por un incendio cun perímetro de máis de 70 quilómetros, que obrigou a desaloxar máis de doce mil persoas de once concellos.
A pesar destes datos, as autoridades canarias son optimistas sobre a evolución do incendio:
"Non estamos falando de incendios de vivendas, senón que o lume chegou preto das casas, que foron protexidas e só podemos falar de afeccións, e co escenario e a noite presentada é case un milagre o que ocorreu", dixo o presidente canario, Fernando Clavijo.
Os especialistas engaden que a entrada de aire húmido axudou tamén esta noite na loita contra o incendio.
"Creo que é a primeira vez que temos noticias positivas desde o punto de vista meteorolóxico, xa que entrou desde o sueste unha masa de aire con alta carga de humidade, de feito choveu puntualmente en Santa Cruz e mesmo na zona do incendio", engadiu Pedro Martínez, xefe técnico de riscos forestais de Canarias.
Este domingo quedará estabilizada a fronte sur do incendio
As autoridades confían en poder estabilizar hoxe a fronte sur do incendio, mentres os vinte e dous avións e helicópteros centran os seus esforzos na fronte noroeste e na zona de Güímar, para evitar que o lume salte a outras zonas do sur da illa de Tenerife.