Narcos albaneses pretendían distribuír droga por toda Europa dende A Coruña
Narcos albaneses pretendían distribuír droga por toda Europa dende A Coruña
O último grande alixo de cocaína comisado en Galicia desmantela unha rede con base nos Balcáns
O último grande alixo de droga comisado en Galicia desartella unha rede de narcotráfico con sede nos Balcáns. Os líderes da banda, de nacionalidade albanesa, pretendían distribuír a mercadoría por toda Europa dende A Coruña.
As forzas de seguridade interceptaron o martes pasado nas Rías Baixas o pesqueiro Bestazurra con 2.287 quilos de cocaína distribuídos en 84 fardos. A Policía Nacional distribuíu este sábado as imaxes gravadas durante a abordaxe do barco.
Segundo Fernán Puente, voceiro da Policía Nacional, o modus operandi consistía en traer grandes cantidades de substancias estupefacientes dende Amércia Latina nun barco de gran tonelaxe.
"Unha vez preto das costas españolas, sería pasada a través de lastrado a embarcacións de menor calado, que pasan máis desapercibidos á chegada aos portos", engade.
Tras varios rexistros na embarcación e dous domicilios, procedeuse á incautación de 2.300 quilos de cocaína, case 200.000 euros en efectivo e un vehículo de alta gama.
Tamén detiveron tres homes de nacionalidade albanesa, un nado en Cabo Verde e outro residente na provincia da Coruña.