Publicador de contidos

Publicador de contidos

Veciños de Meirás apoian o toque de campás tras aparecer unha queixa anónima contra o seu son

Veciños de Meirás apoian o toque de campás tras aparecer unha queixa anónima contra o seu son

Alguén molesto co son a defunto do domingo publicou escrito insolente co cura pola tradición de tocar a campá

Imaxe das campás da igrexa de San Martiño de Meirás este xoves tralo rebumbio ocasionado por alguén molesto con ese son
G24.gal 10/11/2022 14:20

As campás da igrexa de San Martiño de Meirás, en Sada, non soan a gusto de todos. Esta semana apareceu adherido ao colector de camiño ao templo un cartel plastificado de tamaño grande e cunha mensaxe anónima, en ton impertinente, dirixida ao cura.  

"Fun botar o lixo ás sete da mañá e atopeime co cartel enorme, que lle dicía ao cura que non tocara a campá un domingo. Pero como lle poden dicir isto ao pobre cura se morreu alguén ese día", di Sonia.

Como ela outras persoas do lugar consultadas expresaron o seu asombro ante un texto con frases do tipo: "deixe de tocar a súa santa campaíña cada 30 segundos vinte e catro horas, que o domingo, como dixo o seu querido deus, é para descansar".

Miguel, octoxenario de Meirás, amosaba así o seu abraio porque a campá soa en contadas ocasións: "Para ir á misa o domingo. Pero toca tamén cando morre alguén. Voulle dicir, nunha palabra, quedei aterrado cando mo contaron. Agora ben, cadaquén fala o que lle dá a gana e listo".

Varios veciños máis aseguran que apoian manter a tradición no uso das campás da igrexa e ninguén o fixo en contra.

O cura, don Luis, en conversa telefónica, amosou empatía co veciño ou veciña molesto polo toque da campá a defunto o domingo. Pero tamén engadiu que hai que comprender que non cabe a posibilidade de elixir non morrer o día que descansa a maioría da xente.

Tamén precisou o párroco que o toque é en contadas ocasións, só en horario diúrno e para nada na frecuencia que manifesta o veciño anticampá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade