Oliver Laxe está pensando en rodar a súa próxima película no Amazonas tras o éxito de "Sirât"
O director galego asegura que no novo filme vai dobrar a aposta de Sirât
O martes sábese se Sirât segue na carreira aos Óscar
O martes saberemos se Sirât continúa a súa carreira aos Óscar como candidata española á mellor película internacional. De ser así, quedaría esperar ao 22 de xaneiro para ver se é elixida unha das cinco designadas para a categoría.
Oliver Laxe afirma que usará o éxito do filme para dobrar a aposta no seu próximo traballo.
"Moita xente pregúntame se o éxito me vai cambiar. Ao contrario, se é que me estou rindo da que vou montar coa miña seguinte película", asegura o director.
Para empezar está pensando en rodala no Amazonas.
"Teño ganas de ir con algún actor e morrer con el. Que, eu como cineasta e el como actor, nos abramos as tripas alí", explica o galego.
O director congratúlase de que Sirât esperte controversia.
"Hai conversacións bastante acaloradas: xente á que lle parece unha obra mestra, xente á que lle parece unha farsa, pero están falando de cine, da súa experiencia. É moi san e moi bo para o cine", opina.
Admite que os artistas teñen egos desmesurados. Di que é porque só lles falan os admiradores e chancea sobre os seus memes na Internet.
"Xa lle dixen ao meu psicoterapeuta: 'non te necesito, xa me están facendo memes que están dando no cravo'", chancea.
Laxe, que continúa promocionando Sirât polo mundo, fixo unha instalación para o Museo Reina Sofía, Hu, independente de Sirât pero nada do mesmo proceso creativo.
"Desprego o meu imaxinario, as cousas que me gustan: o sagrado, a natureza, o transo, a música, bailar...", explica.
A instalación inaugúrase o martes e poderá visitarse ata o 20 de abril.