Publicador de contidos

Publicador de contidos

Prisión sen fianza para dous detidos na operación contra o tráfico ilegal de arte sacra

Prisión sen fianza para dous detidos na operación contra o tráfico ilegal de arte sacra

Outro dos detidos poderá eludir o cárcere pagando unha fianza de 20.000 euros

A Garda Civil incautouse de arredor de 200 pezas en naves e domicilios particulares, que se sospeita que son froito de roubos principalmente en igrexas do rural

Os arrestados comezaron a pasar a disposición xudicial este venres no Carballiño

Paso a disposición xudicial de 2 dos detidos
G24.gal 16/09/2022 14:24 Última actualización 17/09/2022 08:58

A xuíza do Carballiño decreta prisión sen fianza, para dous dos cinco detidos que declararon este venres como presuntos autores de varios roubos de arte sacra en Pontevedra e O Carballiño.

Estas dúas persoas están investigadas por un delito de roubo con forza continuado e outro delito de danos en bens de valor artístico, histórico ou cultural. O resto de detidos quedou en liberdade en dependencias policiais.

Para outro dos detidos en Pontevedra tamén decretou prisión provisional "pero eludible baixo fianza de 20.000 euros". Esta persoa atópase investigada por un delito continuado de receptación e outro de danos en bens de valor artístico, histórico ou cultural.

A operación Cinquecento levou hai dous días a realizar varios rexistros na cidade de Pontevedra.

Hai, polo momento, 9 persoas investigadas, de Ourense e de Pontevedra, uns en calidade de autores de roubos, sobre todo en igrexas do rural, e outros por suposta receptación: os que se encargarían de vender os obxectos roubados.

A un deses rexistros asistiu o delegado de Patrimonio da diocese de Ourense."Aquí en Ourense entramos na vivenda dunha persoa que era a que despois vendía as obras. Recuperamos moitos crucifixos, sagrarios, copóns, cálices, imaxes de santos... Chamoume a atención que había moitos san Roque, debe ser unha figura que piden moito os coleccionistas. Había 5 ou 6", di Luis Manuel Cuña.

A seguinte fase do proceso é cotexar obxecto a obxecto coas fotos das denuncias. "Houbo varios párrocos que deron parte non só de roubos, senón do dano que fan ao entrar nas igrexas e, por suposto, o que levan: tallas de moito valor, ourivería, cálices...", explica Luis Cachaldora, arcipreste do Carballiño.

A igrexa de Salamonde, en San Amaro, a de Santa María de Amoeiro ou a de Santa Baia de Reádegos, no Irixo, son algunhas das que figuran nas dilixencias. "Hai a sospeita de que algunhas destas persoas actúan entrando nas igrexas mentres o crego está celebrando a misa. Escóndense e, cando pechan a igrexa, aproveitan para coller o que lles parece e despois buscan a maneira de saír, polo tellado ou esnaquizando portas ou ventás", asegura o arcipreste.

Ata o momento hai 8 detidos, cinco na comarca do Carballiño, onde a rede tiña supostamente a súa base, e 3 en Pontevedra. Hai outro investigado máis e a operación, baixo segredo de sumario, segue aberta.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade