Deteñen catro persoas en Pontevedra por comercio ilegal de arte sacra
Desde primeira hora da mañá levouse a cabo na cidade un operativo que comisaron numerosas obras de arte
Polo menos catro persoas foron detidas na operación que a Garda Civil desenvolveu este mércores na cidade de Pontevedra contra a compravenda de arte sacra de procedencia ilegal.
Os tres detidos en Pontevedra, segundo confirman a Efe fontes da investigación, están investigados por un delito de receptación, por comprar ese material ao seu vendedor principal, e un deles foi xa posto en liberdade tras declarar ante as autoridades.
A operación está dirixida polo Xulgado de Instrución número 2 de Carballiño onde ten a súa orixe este operativo, ao ser a localidade de procedencia do principal sospeitoso e cuarto detido.
A causa, que foi declarada secreta, desembocou esta mañá en tres rexistros realizados no centro histórico de Pontevedra e na localidade pontevedresa de Vilaboa. A redada, que despregaron efectivos da brigada da Policía Xudicial de Pontevedra, con apoio da unidade de seguridade cidadá da comandancia provincial, comezou sobre as sete e media da mañá e durou máis de cinco horas.
O principal rexistro realizouse nun domicilio da rúa Sierra de Pontevedra, do que a Garda Civil retirou unha grande cantidade de antigüidades, imaxes e elementos de carácter relixioso ou pezas de marfil, así como varios computadores e armas.
As antigüidades foron requisadas e trasladadas a un camión de mudanzas no que, debidamente protexidas para evitar danos, foron trasladadas á comandancia de Pontevedra.
Neste domicilio reside un matrimonio xa xubilado e ambos foron detidos, aínda que a muller quedou en liberdade xa no mesmo momento da detención.
A parella, que estivo acompañada do seu avogado durante o rexistro policial, asegurou que adquiriran as obras en distintas tendas de antigüidades de Pontevedra, Cangas ou Santiago de Compostela, sempre de boa fe.
Trátase dunha colección privada, pois ambos están xa xubilados e non se dedican á compravenda de antigüidades, aínda que no pasado si se dedicaron a esa actividade.
Durante o tempo que durou o rexistro, foise documentando a orixe e modo de adquisición de cada unha das pezas, segundo indicaron a Efe distintas fontes.
Ademais, realizaron rexistros nun negocio relacionado coa numismática e as antigüidades, tamén en Pontevedra, e nun domicilio do Toural, en Vilaboa, relacionado cos mesmos propietarios do piso rexistrado na cidade pontevedresa.