Oito detidos por malos tratos animais no transporte de vacas con destino ao matadoiro
Os servizos veterinarios da Junta de Castela e León deron a voz de alarma ao reclamar a presenza da unidade do Seprona da Garda Civil nun matadoiro de Burgos ao detectar un transporte de gando vacún destinado ao sacrificio en pésimas condicións
A Garda Civil constato casos de animais transportados sen compaixón, con fracturas abertas e partos distócicos, con fallos multiorgánicos e en estado de shock, polo que se decretou o seu sacrificio de urxencia
A Garda Civil detivo oito persoas no marco dunha operación por malos tratos animais ao constatar a práctica habitual de transporte vacas de leite desde explotacións gandeiras en intensivo ata o matadoiro, con animais que presentaban graves deficiencias de coidado, en estado agónico, caquéxicos, non aptos ou con mobilidade reducida.
As oito persoas identificadas, que foron postas a disposición xudicial, teñen idades comprendidas entre os 28 e 52 anos, e foron detidas na Coruña (2), Cantabria (1), Lugo (3), Biscaia (1), e Portugal (1), informou nunha nota de prensa a Garda Civil, que considera que existe unha responsabilidade compartida entre gandeiros, transportistas, tratantes e empresarios.
Os servizos veterinarios da Junta de Castela e León deron a voz de alarma ao reclamar a presenza da unidade do Seprona da Garda Civil nun matadoiro de Burgos capital, o pasado mes de xaneiro, ao detectar un transporte de gando vacún destinado ao sacrificio en pésimas condicións.
Os axentes comprobaron que no camión aínda había catro vacas, que non puideran baixar dado o estado no que se atopaban, algunhas delas agonizantes; no resto da inspección viron animais extremadamente descarnados, moribundos e varias reses agrupadas con feridas en espiña dorsal e cadeira.
Todas elas eran vacas de raza frisoa que procedían de explotacións de produción leiteira en réxime intensivo, e sobre as que ademais se practicaran métodos de manexo prohibidos, segundo as probas achegadas polos veterinarios.
A Garda Civil constatou, nese primeiro aviso, casos de animais transportados sen compaixón, con fracturas abertas e partos distócicos, con fallos multiorgánicos e en estado de shock; en moitas ocasións a súa situación era irreversible á chegada ao matadoiro, polo que se decretou o seu sacrificio de urxencia.
A investigación posterior permitiu documentar sete casos similares, e acredita este tipo de condutas como frecuentes desde xaneiro de 2024, con transporte de animais en estado agónico, caquéxicos, non aptos ou con mobilidade reducida, con traumatismos en orixe, en xestación avanzada ou patoloxías previas que deberían invalidar a viaxe de longa distancia.
Tamén unha mala praxe xeneralizada tanto durante o transporte como nas operacións de carga e descarga do gando, polo que determina unha implicación de empresarios, gandeiros, transportistas e tratantes, que antepoñen a transacción comercial, ao deber de coidado sobre os animais.
A investigación determinou, segundo a Garda Civil, que estas situacións non foron incidentes illados, senón a consecuencia directa dunha cadea de decisións neglixentes por parte dos oito implicados identificados.
A operación foi dirixida polo Equipo de Protección á Natureza (SEPRONA) da Comandancia da Garda Civil de Burgos que instruíu dilixencias presentadas nos xulgados de Burgos, en colaboración cos Servizos Veterinarios da área de Sanidade da Junta de Castea e León en Burgos, onde ademais se remitiron as actas denuncia por outras infraccións administrativas.