Oito detidos, un de Santiago, por defraudar 69 millóns en bebidas alcólicas
A Garda Civil practicou rexistros en Santiago, Madrid, Barcelona, Eivisa, Xerez da Fronteira e Valencia
Os axentes interviñeron preto de 400.000 euros en efectivo, un millón en contas bancarias, un iate e 5 vehículos de alta gama

Desarticulada unha organización criminal responsable da fraude de preto de 69 millóns de euros no sector das bebidas alcohólicas entre os anos 2018 e 2024. Foron detidos 8 membros desta organización, nas 19 entradas e rexistros practicadas en Madrid, Barcelona, A Coruña, Eivisa, Xerez da Fronteira e Valencia.
Os axentes interviñeron preto de 400.000 euros en efectivo, máis dun millón en contas bancarias, un iate, 34 reloxos de luxo, 5 vehículos de alta gama e a solicitude de embargo de 21 inmobles.
O empresario que foi detido pola Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil o pasado martes en Santiago de Compostela está vinculado a esta organización. Naa capital galega, sobre as 8,00 horas do pasado martes, un equipo de investigación da UCO, xunto a efectivos da Comandancia da Coruña, entraron tras forzar a porta no domicilio do empresario, situado na rúa Algalia de Abaixo.
Alí, os investigadores efectuaron un rexistro, en presenza do empresario, que se prolongou ata minutos despois das 15,00 horas, cando os axentes abandonaron o inmoble xunto ao detido, que foi introducido nun vehículo patrulla da Garda Civil.
A investigación foi desenvolta pola Unidade Central Operativa, a través do seu Departamento de Investigación Económica e Anticorrupción, xunto coa Axencia Tributaria a través da Oficina Nacional da Fraude (ONIF), todo iso baixo a dirección da Fiscalía Europea (EPPO).
Unha organización con vinculacións internacionais dirixida por tres españois
A Garda Civil e a Axencia Tributaria desarticularon esta organización criminal con vinculacións internacionais dedicada á fraude masiva no sector das bebidas alcólicas bautizada como Gallagher. Operaban no mercado das bebidas alcólicas a través dunha estrutura empresarial conformada por 93 mercantís españolas, portuguesas, alemás, que contaban cunha estrutura de empresas paralela.
A través dela canalizaban os fondos de procedencia que despois branqueaban. O alcol vendíase a través dunha rede de empresas ficticias, amparadas con facturas falsas, a fin de ocultar toda a cadea fraudulenta.
Finalmente, o produto distribuíase en España mediante distribuidores controlados pola rede criminal, cuxo IVE correspondente aparentemente repercutido de forma correcta en factura nunca foi realmente ingresado. O feito de non ingresar o IVE permitía rebaixas ilícitas de prezo, coa consecuente competencia desleal. A Inspección da AEAT en Valencia denunciou a trama ante a Fiscalía Europea no ano 2023.
Os xefes da organización criminal, dirixida por tres cidadáns españois, valeríanse dunha estrutura de homes de palla situados á fronte de numerosas empresas instrumentais, o cal lles permitía desvincularse aparentemente da actividade comercial, dificultar a rastrexabilidade do produto e facer recaer sobre estas mercantís as responsabilidades penais derivadas da actividade delituosa.
A investigación foi desenvolta pola Unidade Central Operativa da Garda Civill e a Axencia Tributaria baixo a dirección da Fiscalía Europea.