Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xurado declara culpable de asasinato o autor do crime de Coia, pero aprecia atenuantes

O xurado declara culpable de asasinato o autor do crime de Coia, pero aprecia atenuantes

A Fiscalía e a acusación particular reducen as peticións de condena ata case 17 anos de cárcere

A defensa pide unha rebaixa de dous graos e só catro anos de prisión

EFE / Salvador Sas EFE / Salvador Sas
G24.gal 31/10/2025 18:43 Última actualización 31/10/2025 19:53

O tribunal do xurado que xulga o coñecido como crime de Coia, en Vigo, declarou por unanimidade culpable de asasinato a José Luis M.C., pero recoñeceu a existencia de tres circunstancias atenuantes: confesión, alteración psíquica e medo insuperable. Pola concorrencia destas atenuantes, tanto a Fiscalía como a acusación particular rebaixaron as súas peticións de pena.

O xurado considera acreditado que na noite do 6 de abril de 2024 a vítima, Francisco Javier B.D., acudiu á casa do acusado. José Luis abriulle a porta e disparoulle cunha escopeta coa intención de matalo. O tribunal entende probado que, polo menos nun dos dous disparos efectuados, o acusado apuntou directamente á vítima, que non tivo posibilidade de defenderse. Ademais, empregou unha arma sen licenza e cun número de serie borrado.

Atenuantes e confesión

O xurado tamén coincidiu de maneira unánime en recoñecer que o acusado tiña as súas capacidades levemente mermadas polo consumo de cocaína e cannabis, e que o pánico que sentiu ao ver chegar a Francisco Javier —que portaba un machete e unha barra metálica— afectou parcialmente a súa capacidade de actuar doutra forma. Tamén valorou que, tras ser detido, José Luis confesou os feitos e contribuíu de maneira eficaz á investigación.

Peticións de condena

Como consecuencia destas atenuantes, a Fiscalía reduciu a súa solicitude inicial de case 22 anos de cárcere a un total de 16 anos e 10 meses: 14 anos e 11 meses polo asasinato e 1 ano e 11 meses pola tenza ilícita de armas. A acusación particular tamén modificou a súa petición, e reclama 15 anos polo asasinato e 1 ano e 11 meses polo segundo delito.

Pola súa parte, a defensa argumenta que as atenuantes permiten rebaixar as penas en dous graos, e solicita catro anos de prisión polo asasinato e unha condena inferior a tres meses pola tenza de armas, sen ingreso en prisión.

No seu veredicto, o xurado rexeitou por unanimidade a suspensión da execución da pena, aínda que se mostrou tamén, de maneira unánime, favorable a un indulto parcial. A decisión final sobre as condenas quedará agora en mans do tribunal sentenciador.

Mensaxes e ameazas previas ao crime

Durante o xuízo, celebrado na Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, a Policía Científica explicou que vítima e acusado mantiveron durante meses un intercambio de mensaxes de WhatsApp con ameazas. Nesas conversas, a vítima enviou imaxes en que aparecía cun puñal e cunha pistola, mentres o acusado o advertía de que, se se achegaba á súa casa, non o ía coller “por sorpresa”.

Nun audio recuperado do teléfono de José Luis, gravado o 19 de febreiro de 2024, ambos discutían e lanzábanse novas ameazas. Segundo os investigadores, esas tensións culminaron o día do crime, cando Francisco Javier se presentou na vivenda do acusado armado cun machete e unha barra de ferro.

Os axentes confirmaron que a escopeta empregada por José Luis estaba en bo estado, co número de serie borrado e restos de disparo. Detectáronse tamén partículas compatibles na súa man e pegadas no gatillo. Ademais, o ADN da vítima apareceu no mango do coitelo que levaba e sangue seu no interior do marco da porta da casa do acusado.

A barra de ferro atopada no lugar non chegou a ser analizada porque non se incluíu no encargo pericial. Segundo as conclusións presentadas, o enfrontamento entre ambos acabou co disparo que causou a morte de Francisco Javier en plena rúa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade