O xuíz non imputará por encubrimento o sobriño do patrón do Villa de Pitanxo
As familias pediron que Eduardo Rial fose imputado no caso, ao considerar que trata de encubrir o seu tío

O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno desestimou a imputación de Eduardo Rial, sobriño do patrón do Villa de Pitanxo, e outro dos sobreviventes á traxedia, na causa que investiga o naufraxio do pesqueiro galego a 450 quilómetros da costa de Terranova o pasado 15 de febreiro.
O xuíz desestimou a petición presentada polo avogado que representa ás familias das vítimas do afundimento. Unha decisión que volverán recorrer.
Os tres sobreviventes do naufraxio declararon en xuño na Audiencia Nacional. Só Juan Padín, o patrón do barco, o fixo como investigado. Eduardo Rial e Samuel Kwesi fixérono como testemuñas.
Con todo, as familias solicitaron que Rial fose imputado no caso, ao considerar que a súa declaración non se corresponde coa realidade e que trata de encubrir ao seu tío.
Samuel Kwesi asegura que as redes do barco estaban enganchadas no fondo do mar, o que provocou a entrada de auga e que parase o motor.
Pola súa banda, Rial e Padín sosteñen que o motor parou antes de que entrase auga e que as redes non estaban embarradas.
Ademais, nas súas declaracións ante a Garda Civil, varios dos mariñeiros do Praia Menduíña II, o pesqueiro que os rescatou, dixeron que Rial advertiu a Kwesi dicíndolle: "Coidado co que dis ao chegar a terra".
Así mesmo, o propio Kwesi subliña que Padín e a armadora do buque, Pesqueiras Nores Marín, trataron de convencelo para que contase unha versión que non foi a que el viviu.