Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xuíz do caso Koldo intervén os correos de cargos de Adif, Portos, Interior e Transportes

O xuíz do caso Koldo intervén os correos de cargos de Adif, Portos, Interior e Transportes

A Unidade Central Operativa da Garda Civil investigará o contido dos correos electrónicos corporativos como o de Álvaro Sánchez Manzanares

Tamén intervirán os correos do que fora o presidente de Portos do Estado e da que foi presidenta de Adif, entre outros

Mediante unha intervención telefónica puido vincularse a Koldo García co director de Xestión de Persoas de Adif

Koldo García, á dereita, e o deputado socialista José Luis Ábalos, á esquerda Koldo García, á dereita, e o deputado socialista José Luis Ábalos, á esquerda
G24.gal 01/03/2024 19:36

O xuíz da Audiencia Nacional, Ismael Moreno, solicitou a intervención dos correos electrónicos de varios altos cargos de Adif, Portos do Estado e os ministerios de Transporte e Interior, dentro da investigación do caso Koldo.

Nun auto, o xuíz autorizou a Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil a solicitar á entidade Portos do Estado o contido de todas as caixas de correos e cartafois do correo electrónico corporativo entre o día 1 de xaneiro de 2020 ata o 1 de xullo de 2020 de varias persoas, entre as que se atopa o secretario xeral de Portos do Estado, Álvaro Sánchez Manzanares.

A UCO interceptou unha conversa entre Koldo García, exasesor do que foi ministro de Transportes durante a pandemia, e posiblemente Sánchez Manzanares.

De confirmarse esas conversas, sería "un fito de interese" para a investigación, xa que Sánchez Manzanares asinou un documento nunha adxudicación que Portos do Estado outorgou á trama por 24,2 millóns de euros.

Nese mesmo organismo, o xuíz pediu intervir os correos electrónicos do que fora o presidente de Portos do Estado, Francisco Toledo Lobo, ademais doutros cargos dese organismo durante a pandemia e, algúns deles, na actualidade.

Tamén esixiu obter unha copia de toda a documentación que obre na súa orde sobre o contrato con número de expediente E/019/20 adxudicado a Soluciones de Gestión para a subministración de máscaras profilácticas a efectos de prevención do contaxio da covid-19, por un valor de 24.200.000 euros, IVE incluído,

Con relación a Adif, o xuíz tamén solicitou intervir os correos da que foi presidenta da entidade, Isabel Pardo de Vera, ademais dos responsables naquel momento de Recursos Humanos, Xestión de Persoas ou Prevención de Riscos Laborais dese organismo.

Grazas á intervención telefónica, explica o auto, foi posible vincular directamente a Koldo García con Michaux Miranda, director de Xestión de Persoas de Adif.

Ao parecer, o fillo de Joseba, irmán de Koldo, accedería a Adif recentemente a través da intermediación do seu tío. Na conversa aludíase aos exames para entrar no organismo.

O xuíz pediu que se achegase copia da documentación que obrase no seu poder, relativo ás actas de exames para o acceso a esa entidade entre o 1 de setembro de 2023 e o 1 de febreiro de 2024.

Tamén se interviron os correos da Subdirección Xeral de Planificación e Xestión de Infraestruturas e Medios da Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior, en concreto, os de Daniel Belmar, que dirixía esa Subdirección.

Foi este último quen asinou todos os documentos do contrato pola Secretaría de Estado de Seguridade coa empresa da trama Soluciones de Gestión.

Ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible o xuíz tamén lle requiriu copia do contido de todas as caixas e cartafois do correo electrónico corporativo de Koldo García e calquera outra conta oficial que dispuxese entre o día 1 de xaneiro de 2020 e ata o de agora.

Foi solicitada tamén toda a documentación sobre os contratos adxudicados a Soluciones por Gestión por entes dependentes dese Ministerio, en relación con Portos do Estado e Adif, "ou por calquera outro organismo ou ente público que adxudicase un contrato de subministración de material sanitario a dita mercantil nos anos 2020 e 2021".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade