Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xogo do tendeiro, por María Bastida

OPINIÓN

O xogo do tendeiro, por María Bastida

G24.gal 30/01/2026 08:06

Os Estados Unidos están a deixar caer o dólar á mantenta porque cren que así venden máis ao exterior. O problema é que esa xogada, aínda que teña lóxica, non é inocua.

Donald Trump razoa dunha forma moi simple, case intuitiva. O seu pensamento debe de ser algo parecido a isto: se o dólar está moi forte, os meus produtos son caros; se o dólar baixa un pouco, vendo máis e recupero fábricas e empregos. É unha forma de pensar moi de tendeiro, pero non absurda. De feito, funciona así: cando o dólar está caro, exportar é difícil; cando está máis barato, é máis fácil. Desde ese punto de vista, Trump persegue tres obxectivos moi concretos: máis competitividade, menos déficit comercial e máis Made in USA. Nada especialmente sofisticado, pero tampouco disparatado.

A verdade é que hai elementos certos nesta formulación. Primeiro, o dólar está probablemente demasiado forte. Non tanto porque a economía estadounidense sexa imbatible, senón porque todo o mundo necesita dólares para comerciar, para aforrar e para comprar débeda segura. Segundo, un dólar algo máis baixo si que axuda a exportar. E terceiro, outros países, como A China ou O Xapón, xogaron coas súas moedas durante anos para favorecer as súas empresas. Todo iso é correcto.

O problema empeza cando esa lóxica se presenta coma se non tivese custos. Os Estados Unidos teñen unha débeda enorme e viven, en boa medida, de que o resto do mundo confíe na súa moeda. Esa confianza é a que lles permiten financiarse barato e sen sobresaltos. Cando parece que o dólar se utiliza como unha ferramenta política, os investidores empezan a inquietarse. E cando iso ocorre, soben os tipos de interese, financiar a débeda custa máis e o sistema financeiro vólvese máis inestable. Esa parte do relato non adoita aparecer nos slogans.

Trump parece crer que o dólar é tan poderoso que o aguanta todo. Pero as moedas non adoitan afundirse de golpe. O que fan é desgastarse aos poucos, case sen ruído, cando se erosiona a confianza. Aí está o verdadeiro risco desta estratexia.

Para Europa, un dólar máis débil significa un euro máis forte, o que complica exportar xusto cando a economía xa vai xusta e obriga o BCE a fiar moi fino. Para España, o risco non está tanto en vender menos aos Estados Unidos como en moverse nun mundo máis inestable, con tipos de interese máis altos e menos marxe para crecer sen sobresaltos.

A tentación de usar o dólar como panca comercial é comprensible; o problema é que as grandes moedas non só serven para vender, senón para soster unha orde económica que, unha vez danada, custa moito recompoñer.​​​​​

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade