Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xabaril arrasa co millo acabado de sementar en Rodeiro

O xabaril arrasa co millo acabado de sementar en Rodeiro

Os gandeiros piden medidas de control porque "cada vez hai máis xabarís"

O custo de resementar as parcelas é duns 900 euros por hectárea

G24.gal 08/05/2026 14:39

Custa atopar algún gran de millo que sobrevivira ao banquete dos xabarís nesta leira de Rodeiro. Semella que só pararon para coller alento...

"É impresionante como se compenetraron para comelo todo. Nunca vin nada igual. Nunha noite comeron unha hectárea enteira", explica o gandeiro Alberte Lamazares.

Botaran repelente de xabaril e corvo nos grans, pero de nada serviu. Agora toca resementar as parcelas, a razón duns 900 euros por hectárea.

"Son danos económicos importantes, volver meter maquinaria, comprar semente, etc. Tamén hai que poñer ciclos máis curtos e perdes produción. Ademáis está o perigo de que volvan, outro socio tiña 5 hectáreas danadas, resementou e esta noite volveron", di Suso Montes, presidente da Cooperativa O Rodo.

Xa denunciaron os danos, pero din que as compensacións son moi limitadas. Din que cada vez hai máis xabarís no concello e sospeitan que están chegando doutras zonas.

"Se cadra os porcos viñeron aquí desprazados polos lumes en Ourense. Hai que combater os problemas con medidas excepcionais", engade o gandeiro.

O xabaril está en época de cría, pero piden que se autoricen medidas de control cinexético para protexer o cultivo ata que as sementes agromen.

"Que deixen que actúen os cazadores durante os 20 días de despois da sementeira. Despois o millo medra, e xa non ten tanto problema co xabaril", solicita o presidente da Cooperativa.

"É unha invasión. A Administración ten que poñerse as pilas. Semella que no interior non é tan problemático o xabaril como cando entra na praza do Obradoiro. Pero para nós é o noso alimento, o día a día, o sustento das nosas vacas".

A sementeira ía atrasada polo tempo, e agora as incursións do porco bravo son unha nova ameaza para a rendibilidade das granxas, que teñen no millo o principal alimento das vacas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar