Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Vilarreal asalta Múnic e métese nas semifinais da Liga de Campións

O Vilarreal asalta Múnic e métese nas semifinais da Liga de Campións

Un gol de Chukwueze no minuto 88 elimina a un dos grandes favoritos para o título (1-1)

G24.gal 12/04/2022 23:01

Vilarreal é unha vila de 50.000 habitantes. Desde hai anos compite entre os mellores da liga española e compite con moita valentía por Europa. Nos cuartos de final da Champions o equipo amarelo asaltou o Allianz Arena, un campo con capacidade para máis de setenta e mil espectadores que acabaron abraiados coa eliminación do seu poderoso equipo. 

Traía unha vantaxe de un gol do partido de ida. Tocoulle defender con uñas e dentes esa vantaxe diante dun Bayern emborcado desde o primeiro minuto. Na primeira parte mantivo o empate, pero ao pouco de comezar o segundo tempo o gran Lewandowski acertou a superar a Rulli e igualaba a eliminatoria. 

O equipo de Unai Emery, o adestrador que comezou a prepararse para dirixir en Ferrol onde sacou o título de técnico nacional, non desfaleceu. Teimou no seu obxectivo e, cando se encamiñaba o partido á prórroga, apareceu a contra que estivo buscando durante todo o partido. O gol de Chukwueze no minuto 88 xa forma parte da historia do Vilarreal. Un equipo de pobo volve meterse nunha semifinal 16 anos despois. Daquela quedara eliminado no 2006 polo Arsenal co penalti fallado por Riquelme. Desta volta a historia pode mudar. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade