O viaduto da A-6 en dirección Madrid poderá abrir ao tráfico este verán se non ten danos
A Xunta de Galicia esixe información e certezas sobre a derruba da infraestrutura viaria
Os técnicos traballan contra o reloxo, cando fai unha semana da derruba do viaduto do Castro. Os esforzos céntranse en determinar a causa que puido provocar o sinistro. Pero tamén en restablecer en canto sexa posible a circulación pola A-6 en dirección a Madrid.
É necesario comprobar que a estrutura non teña danos para poder recuperar o paso dos transportes especiais.
Di o delegado do Goberno que se non se detecta algún tipo de afección podería facerse este verán. "Esa é a liña de traballo na que estamos agora mesmo", dixo Xosé Miñones.
Son algúns dos detalles que analizou a Comisión Autonómica de Tráfico. A Xunta de Galicia pide certezas sobre o acontecido porque se trata dunha vía esencial para a nosa comunidade. A Conselleira de Mobilidade esixe ter información máis concreta e solucións para poder trasladar tamén á cidadanía.
Ethel Vázquez, di que, xunto cos sectores económicos, precisan "información concreta e transparente do acontecido e tamén as alternativas que ten para realizar os seus desprazamentos".
A travesía entre Pedrafita e A Veiga de Valcarce pola que se desvía a circulación estase reforzando en sinalización para garantir a seguridade do tráfico.