O vello hospital de Galeras, hoxe residencia estudantil, na memoria de dous médicos que traballaron nel
O vello hospital de Galeras, hoxe residencia estudantil, na memoria de dous médicos que traballaron nel
O vello hospital santiagués reabriu como residencia de estudantes e hotel de peregrinos despois de 25 anos de abandono
As súas paredes gardan aínda medio século de coidados e de práctica clínica, transformadas hoxe en confortables instalacións para o descanso e o estudo
O vello hospital de Galeras reabriu despois dun investimento millonario, reconvertido en hotel e residencia de estudantes e cun total de 400 cuartos. Os doutores Pose e Gelabert, internista e neurocirurxián, lembran a data en que o hospital provincial tomaba aquí a remuda do Hostal dos Reis Católicos e a posterior apertura, mesmo a carón, do Xeral.
"Aquí estaba a placa da inauguración, creo que poñía 1954. Foi o ano en que se pechou o Hostal e o hospital veu para aquí", explica a neurocirurxián, xa xubilado, Miguel Gelabert.
"Había un oncólogo para os dous hospitais, e a encargada de poñer a quimio era unha monxa, que acabou cos dedos amputados", explica Antonio Pose, médico internista.
"Os aparatos que tiñamos eran fonendos e raios X. Non habia TAC. Ata aquel momento as probas diagnósticas eran moi cruentas. Nos anos 80 xa fomos para o Hospital de Conxo e moito máis tarde, no ano 99, fíxose o traslado do Xeral ao CHUS", explican.
Os vellos médicos celebran que haxa estudantes de Medicina entre os residentes, e a decoración do comedor. E botan en falta a cúpula de cristal do sétimo andar para que os estudantes visen as operacións.
"Había cadeiras, e mesmo así, moitos alumnos mareábanse", di Gelabert.
Mentres recrean as vellas vistas, chancean sobre as instalacións: as actuais camas, de 1,80, non serían moi adecuadas, aseguran, para a práctica clínica.