O uso de bengalas en interiores debe atender as normas de seguridade
O mal uso ten provocado accidentes moi graves en distintos lugares do mundo, sinistros que remataron nalgúns casos con centos de vítimas mortais
2023. Nunha voda, en Iraq, morreron 100 persoas e houbo centos de feridos. Igual que sucedeu na estación de esquí de Crans Montana, a explicación aínda provisional do caso de Suíza pon o foco nas bengalas que ían en cada botella de champaña como posible detonante do lume que devastou o local.
As que usaron son coma esta que nos amosa o voceiro dos pirotécnicos galegos. Véndense a maiores de doce anos e os envases das que comercializan en Galicia especifican perfectamente as condicións de uso.
"Ten unha distancia de seguridade dun metro. Entón se xusto pegado ten durante uns segundos un material inflamable, como unha grilanda ou os vestidos de fin de ano pois isto pode facer lume. Pero se o separamos, isto xa non xera ningún tipo de problema", explica Santiago López, vicepresidente da Asociación Española de Industrias Pirotécnicas.
Tamén comprobamos que non prenden de inmediato.
"En Galicia nunca tivemos un suceso deste tipo. A recomendación para previr é ter moi en conta o material inflamable que poida haber arredor e ademais habería que ter sempre a man material de extinción para atallar calquera tipo de incidencia", dixo Francisco Manuel Sampedro, sarxento do Parque de Bombeiros de Boiro.
A traxedia da sala Cromañón, en Bos Aires, en 2004, con 194 mortos e 1.500 feridos, supuxo unha nova regulación a nivel internacional dos artefactos pirotécnicos en interiores, pero tamén os materiais de construción, que eran altamente inflamables. Nunha discoteca en Murcia, que sumaba decenas de irregularidades, o detonante foi unha máquina de chispas.