Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous detidos por agredir un home na súa casa en Santiago tras roubar nun supermercado

Dous detidos por agredir un home na súa casa en Santiago tras roubar nun supermercado

Os dous individuos increparon a muller da vítima e seguírona ata a casa, onde lle rebentaron a porta para entrar

No supermercado, tamén se enfrontaron co persoal de maneira violenta: "Sae fóra, que che rompo a cara"

G24.gal 18/05/2026 14:21

Ten o ollo rebentado. E tocoulle a el como lle puido tocar a outro. Todo empezou na rúa, cando tropezaron coa súa muller. 

"Nun momento en que non había ninguén na rúa, dous rapaces non moi maiores baixaban pola costa e a miña veciña, que saía da casa, increpárona e metéronse con ela e non sei se ela lles contestou", conta a veciña nun relato confirmado pola propia vítima.

A muller colleu medo e meteuse de volta na casa, pero os agresores buscaban lea. 

"Eran dous borrachos que ían mosqueados polas súas propias cousas e déronlle un golpe ao cristal da porta e partíronllo", engade outra muller que pasou por alí.

"Eles foron detrás, rompéronlle os cristais da porta, e ela tiña a familia dentro e no forcexo, déronlle coa man no ollo, que o ten súper inchado", coincide a veciña.

Malia o impacto, conseguiron gravalos cando marchaban rúa abaixo, e sorte diso. Grazas ás imaxes, a Policía Local detívoos ás poucas horas, preto dun supermercado no que tamén a learon.  

"Entraron dous rapaces maiorciños, entre trinta e corenta anos. Un tentou roubar e caeulle a mercadoría toda. Unha empregada díxolle que saíra, que os estaban gravando as cámaras e o outro púxose violento. Como a rapaza é baixiña, empezou a dicirlle que saíra para fóra, que lle ía romper a cara. Ela botounos pero eran moi agresivos. Cando saíu o outro, a compañeira quixo sacarlle das mans o que levaban e empurrouna", explica unha clienta.

Foi peor o medo que provocaron que o que conseguiron roubar.

"Non chegaron a ir atrás que é onde están as bebidas porque xa a rapaza os mandou marchar. O que levaron é da zona da entrada, comida, galletas e así. Foi unha situación moi violenta, verbalmente sobre todo", engade a muller.

Non son do barrio pero cren coñecelos das redes. Polo menos un deles. Pensan que é o mesmo que nos últimos días fora denunciado por increpar, acosar e seguir a mozas polo campus, Un vídeo que se fixo viral.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade