Publicador de contidos

Publicador de contidos

O TSXG aumenta as indemnizacións a varios afectados pola explosión da pirotecnia de Tui

O TSXG aumenta as indemnizacións a varios afectados pola explosión da pirotecnia de Tui

Estima os recursos de varios afectados e engade como damnificados sete familiares das dúas vítimas mortais

Europa Press. Arquivo Europa Press. Arquivo
G24.gal 20/01/2026 19:15

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou recursos de afectados pola explosión da pirotecnia de Paramos, en Tui, ocorrida en maio de 2018.

No sinistro faleceran dúas persoas.

Na súa sentenza, o TSXG desestima os recursos presentados por distintas aseguradoras, así como polo Concello ou por distintas vítimas.

Porén, si estimou as apelacións dunha das afectadas e do irmán dun falecido, ademais da nai e dos cinco irmáns da outra vítima mortal.

Deste xeito, no primeiro dos casos, a muller pasará de cobrar 1.700 euros, que se recollían na sentenza da Audiencia, a 9.072,96 euros polos danos sufridos.

Pola súa banda, ao irmán do falecido e á nai e irmáns da muller tamén falecida concederánselles as cantidades que se determinan no baremo en execución da sentenza por parentesco, que serán satisfeitas directa e solidariamente pola aseguradora ata un máximo de millón e medio de euros.

Todo iso despois de que na sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra estes familiares non constasen como damnificados.

Con todo, esta resolución non é firme, xa que cabe recurso de casación ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo.

Os feitos ocorreron na zona de Paramos, en Tui, en maio de 2018.

Un almacén pirotécnico ilegal estourou causando dous mortos, decenas de feridos e cuantiosos danos materiais.

A explosión supuxo o falecemento de dúas persoas, un matrimonio que tiña dous fillos menores.

Máis de 30 persoas sufriron menoscabo físico como consecuencia da explosión e tamén houbo máis de 400 titulares de vivendas afectadas e 76 propietarios de vehículos.

Por todo iso, nunha vista de conformidade, o responsable da empresa, Francisco G.L., admitiu os feitos e aceptou catro anos de prisión como autor de dous delitos de homicidio imprudente e 28 lesións por imprudencia, ademais de tres delitos de risco catastrófico provocado por explosivos, polos zulos que a Garda Civil descubriu e que tiñan material explosivo almacenado de forma irregular.

Malia a conformidade, a Asociación de Afectados amosou no seu día a súa indignación coa sentenza, ao considerar que quedaban fóra varios damnificados e a outros recoñecíaselles unha contía menor á pactada, polo que varios tiveron que recorrer ante o TSXG.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade