O Uni Ferrol gaña en Ostrava e reafirma o seu liderado europeo (64-98)
Cinco de cinco para as de Lino López nesta edición da Eurocup
As ferrolás racharon o partido no terceiro cuarto e remataron cun solvente triunfo
O Uni Ferrol prosegue co seu pleno de triunfos na Eurocup tras derrotar na República Checa ó Ostrava (64-98) e lidera o seu grupo con paso firme. As ferrolás xogaranse ese primeiro posto na última xornada desta fase de grupos cando reciban na Malata o equipo polonés do Zaglebie Sosnowiec o próximo 26 de novembro. Unha vitoria ou unha derrota por menos de sete puntos deixaría as galegas coma primeiras clasificadas.
E non entrou nada ben no partido en terras checas o equipo galego. O Ostrava saíu forte e non primeiro cuarto chegou a coller unha máxima vantaxa de 13 puntos (21-8). Coa entrada da pivot irlandesa Claire Melia, que estivo a piques de non xogar por problemas físicos, mellorou as súas prestacións o Uni que se colocou a seis puntos, pero un novo tirón checo volveu a estirar a diferenza o remate do primeiro cuarto (26-15).
Pero no segundo cuarto chegou a reacción do cadro galego. Da man das triplas de Millán e Sotolova voltearon o marcador e chegaron o descanso cinco puntos arriba (40-45). E no terceiro cuarto chegaría a escapada definitiva das de Lino López. Recuperando a súa boa defensa e con Melia e Alba Sánchez aportando puntos, as ferrolás racharon o partido rematando o cuarto cun contundente 56-77 .
No último cuarto Lino López optou por dar descanso as súas xogadoras máis importantes e repartiu minutos entre as menos habituais. Incluída Silvia Millán que tivo a súa estrea coma xogadora universitaria. Á habitual fisioterapeuta, irmá de Blanca, fixéronlle ficha de xogadora despois da baixa de Gala Mestres, e onte gozou dos seus primeiros minutos na pista.