O turismo de cruceiros trae a Coruña 10.000 visitantes esta Semana Santa
Hoxe coincide a escala de tres buques, algo que non sucedía desde a pandemia
O "Aida Coma" é unha das cidades flotantes máis grandes do mercado
Prevese un alto retorno económico na hostalería e o comercio da cidade
Cun sol espléndido e este intercambio de regalos recibía a Coruña ao Aida Cosma, o maior dos tres cruceiros que coinciden hoxe na cidade.
"Hai moito que ver, moito que explorar. Os pasaxeiros sempre nos din que non lles chega coa visita dun día. Notamos unha resposta moi positiva", di o capitán, Vicent Cofalka.
"Para o porto esta actividade con 50 excursións, tres barcos, e 6000 persoas ata o domingo, é unha fantástica noticia", destaca o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado.
Xunto ao novo e xigantesco buque alemán, atopamos tamén o veleiro Club Med 2 e o cruceiro Spirit of adventure. Un triple amarre que non se vía desde a pandemia e que desembarca milleiros de turistas.
Algúns optan por quedar na cidade. Outros collen o autobús para facer excursións dun día a destinos cercanos como Santiago ou Betanzos.
Entre hoxe e o domingo chegarán ao porto 6000 cruceiristas e 4000 tripulantes repartidos en seis escalas. Unha visita especialmente agardada despois da freada da covid.
Para Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Turismo da Coruña, será "unha reactivación moi importante para hostaleiros e comerciantes da cidade despois da pandemia".
Gonzalo Trenor, delegado da Xunta na Coruña, engade que estes visitantes "serán prescriptores de Galicia cando regresen aos seus fogares e animarán ás súas familias a que nos visiten tamén."
As previsións do Porto din que este ano, con 150 escalas, haberá baterán marcas históricas, cifras que consolidan a Coruña como destino preferente dos cruceiristas.