A defensa do autor do crime de Coia solicita unha rebaixa da pena no TSXG
A Fiscalía solicita que se ratifique a sentenza de primeira instancia e a acusación particular que a eleve aos 16 anos
O autor do crime de Coia volveu sentar no banco dos acusados. Desta volta, no TSXG onde van revisar a súa condena. A Audiencia Provincial de Pontevedra impúxolle unha pena de trece anos e medio de cadea polo asasinato dun coñecido seu, ás portas da súa casa, no barrio vigués, en abril de 2024.
Na sentenza recóllese que o xa condenado actuou con pánico ou terror ante a presenza da vítima, que ía armada cun coitelo e cunha barra de aceiro, limitando levemente a súa capacidade de actuar doutro xeito.
O seu avogado pide agora unha rebaixa da pena.
"Imos alegar a falta de motivación e saber exactamente por que se estableceu esa pena e non outra", explica Eduardo Martínez, avogado da defensa.
En base ao veredicto do xurado popular, a Audiencia Provincial de Pontevedra, para emitir a súa resolución, tivo en conta as atenuantes de ateración psíquica, medo insuperable e confesión. Porén a acusación particular non está de acordo con esta decisión.
"A acusación apela porque entende que a rebaixa da pena é excesiva. Entendemos que non se debe baixar máis de quince anos menos un día, polo delito de asasinato. E un ano máis polo de tenza ilícita de armas", di Juan Díaz, avogado da acusación particular.
A Fiscalía solicita que se ratifique a sentenza de primeira instancia na súa totalidade. Será o Alto Tribunal galego quen decida.