O TSXG avala que se poña límites á proliferación de pisos de uso turístico
A sentenza ditouse por mor dunha denuncia a unha propietaria dun piso turístico en Pontevedra
Todo xurdiu a consecuencia dunha denuncia por problemas de convivencia, a unha propietaria dunha vivenda de uso turístico nun 4º andar dun edificio céntrico en Pontevedra. Non posuía o título habilitante que outorga o Concello porque non cumpría os requisitos e obrigárona a cesar a actividade. Reclamou á xustiza. Perdeu en primeira instancia e acudiu ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que acaba de ditar sentenza dándolle a razón ao Concello e avalando os seus criterios para limitar estas vivendas.
"Nós temos confianza de que esta sentenza se recurra ata o Tribunal Supremo, entre outras cousas porque cremos que vai na contra dos dereitos dos propietarios. O feito de ter unha vivenda, o feito de comprala, o feito de escriturala, o feito de rexistrala, todo iso xera uns dereitos ao propietario e creo que aquí se están limitando e condicionando eses dereitos dos propietarios", explica Dulcinea Aguín, presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia
Para o sector hostaleiro o importante é que todos cumpran coa normativa.
"Está claro que é un ingreso para a cidade onde se atopen e está claro que son unha opción para os clientes que veñen á cidade, pero si é necesario que teñan un regulamento, como temos nós aquí non hoteis. Os hoteis temos unhas regras que cumprir, unha normativa que cumprir e eles teñen toda a obriga de facelo", apunta Patricia Sierra, directora do hotel Galicia Palace
En Pontevedra os pisos que superen o primeiro andar non poden dedicarse a uso turístico, salvo que todo o edificio se dedique á mesma actividade.